María del Pilar Núñez Sánchez: «O obxectivo é que a xente vexa o Museo Etnolóxico de Ribadavia como un espazo vivo e propio»
OURENSE CIUDAD

O novo edificio acollerá a documentación, a colección fotográfica e oficinas
31 mar 2025 . Actualizado a las 16:01 h.O Diario Oficial de Galicia do día 19 daba conta do nomeamento de María del Pilar Núñez Sánchez (Ourense, 1970) como nova directora do Museo Etnolóxico de Ribadavia. Cargo no que toma o relevo de César Llana, que deixou o posto hai uns meses para asumir a responsabilidade da dirección do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Na publicación facíase referencia á condición da nova responsable do centro da capital do Ribeiro como técnica do Arqueolóxico, autora de moitas das publicacións das sesións da Peza do mes e divulgadora do patrimonio que atesoura o espazo museístico ourensán. A de Pilar Núñez semella unha volta ás orixes: foi no ano 1997 cando chegou ao Etnolóxico para empezar a colaborar no proxecto que dirixía daquela Xosé Carlos Sierra.
—Canto durou a provisionalidade?
—Solicitei a praza cando se foi o director e estaba en comisión de servizo dende agosto do 2024.
—Costa visibilizar un museo como o Etnolóxico?
—Calquera traballo que non chega á xente non cumpre co seu obxectivo. Aquí hai un equipo pequeno que fai unha labor impresionante e este espazo sempre se distinguiu por desenvolver unha programación moi dinámica caracterizada polas exposicións permanentes e temporais, e un amplísimo programa de actividades ao longo do ano; ademais de traballar con todas as asociacións e colectivos da contorna: da Istoria á MIT e do Arteficial á OMIX ou calquera outra iniciativa que se promova e necesite da nosa colaboración. O obxectivo é que a xente vexa o museo como un espazo vivo e propio.
—Teñen na actualidade a mostra fotográfica sobre a familia Llanos e acaban de incorporar «Arqueoloxía dixital galega». Traballan nalgún proxecto?
—Este martes abriremos unha que é froito dunha iniciativa na que participaron os rapaces dos colexios. Tiña como obxectivo que nos aportasen a súa visión do museo e con ese material imos facer a mostra. Tamén presentaremos o catálogo da exposición de Llanos e en xuño abriremos unha moi chula que será Made in China. Non se pode avanzar nada, pero repasará a nosa relación con ese país ao longo da historia.
—Contan cun fondo documental de centos de milleiros de imaxes. É unha das liñas de traballo preferentes?
—Temos na actualidade por riba das 600.000 imaxes e contamos con arquivos como os de Llanos, Pacheco, Chao e outros, ademais dalgúns en depósito. No novo edificio —o que se está a acondicionar fronte ao pazo que acolle ao Etnolóxico— centralizaremos toda a documentación, a colección fotográfica e os despachos, co cal teremos máis espazo expositivo na sede actual. Alí tamén se contará cunha zona máis ampla para a biblioteca, que ten moita demanda, e poderán traballar con máis comodidade os moitos investigadores que recibimos durante todo o ano.
—Como se afronta a xestión dese volume de material?
—O obxectivo é poñer o arquivo á disposición da sociedade. Estamos a catalogar as imaxes e aproveitamos un programa estatal —o Catálogo Dixital Ceres do Ministerio de Cultura— para que se podan ver a través da rede para que estean dispoñibles para todo o mundo que as queira coñecer ou consultar. Tamén estamos a dixitalizar a colección de prensa para amosala en Galiciana.
—Teñen arquivos como os de Abrente e moitos particulares. A doazón segue a ser unha vía importante de incorporación de fondos?
—Si, moi importante. A implicación co museo é moi grande e chegan dende pezas soltas a coleccións enteiras. Obviamente non vale calquera cousa e para iso contamos cunha comisión de valoración para decidir o que é de interese para a institución.
—A implicación co territorio segue a ser un dos sinais de identidade?
—Levamos moitos anos traballando con todos os artesáns e oficios da contorna e temos un arquivo oral moi valioso. E sempre estamos con iniciativas para investigar o noso patrimonio material e inmaterial. Entre outras, agora temos un proxecto de etnogastronomía que se centra en recoller receitas tradicionais da cociña de toda a vida que nos están a transmitir mulleres e mesmo poden servir para aportar ás cartas de restauración e para que non se perdan.
—Sumaron doce mil visitas no 2024. Cal é o perfil das mesmas?
—Xeralmente é xente que vén a pé feito ao museo. Temos un usuario fiel, tanto da comarca como de Vigo, Ourense e outras cidades. Tamén hai turistas que están de visita en Ribadavia e aproveitan para entrar e coñecelo. E este ano no Nadal —a vila acolleu o alumeado de Ferrero Rocher— foi unha cousa incrible.
«O Museo do Viño de Galicia é un espazo interesante que atrae a moito público»
Os tempos mudaron, moito, dende que Chamoso Lamas promoveu o proxecto orixinal da capital do Ribeiro a finais dos anos 60 do pasado século. Incide a directora do Etnolóxico en que «hoxe hai un patrimonio máis global, material e inmaterial, e outros xeitos de traballar. Temos que aproveitar o pasado para vivir o presente e planificar o noso futuro». Lembra Pilar Núñez que o Etnolóxico conta con coleccións permanentes sobre a pesca nos ríos, olería e tecidos, que ten abertas dende mostras sobre o patrimonio relixioso da vila á unha relacionada coa familia Meruéndano e que iniciativas como a que amosará a obra do fotógrafo Jesús Madriñán —sobre migrantes e turistas en Tenerife— ou a de Eugenio Granell —nos dous casos en diálogo cos fondos propios— son propostas nas que están traballando.
—En xullo cumpriranse seis anos da apertura do recinto de Santo André de Camporredondo. Cal é a valoración?
—O Museo do Viño de Galicia é un espazo moi interesante que atrae a moito público. E conta con lugares, como é a adega do mesmo, que é un éxito absoluto. É unha experiencia moi satisfactoria.
—As actividades potencian o lugar?
—O entorno privilexiado e o conxunto monumental do edificio en si mesmo xa son un atractivo. E todo o que se desenvolve alí —como o ciclo Espazos Sonoros ou as catas— ten un público fiel e fai que se xere una demanda importante.
—Anunciouse hai uns días que sumarán a xestión do futuro Museo do Papel de Galicia. Tres centros dinamizarán a oferta?
—A Consellería ten a intención de potenciar a súa rede museística e mesmo incorporar centros que non estaban, como o Camilo José Cela e outros. O do Carballiño ofrece unha visión moi interesante do noso patrimonio industrial e traballouse moito no proxecto. O lóxico é que se potencie ese recurso.
Do legado familiar no Arqueolóxico á paixón polos animais e a filosofía
María del Pilar Núñez Sánchez é licenciada en Historia da Arte Moderna e Contemporánea e tamén o fixo en Museoloxía, formándose na Universidade de Vigo e na de Compostela. Ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, onde hai uns días a confirmaron como directora, chegou en 1997. Alí estivo ata o 2002, incorporándose no 2003, logo de aprobar a oposición de técnica, ao Museo Arqueolóxico de Ourense. Entre outras cousas, foi a autora dos textos de moitas das pezas do mes e a encargada de explicar un bo número delas. Recoñece que atoparse cun bronce de Marcelo Macías obra dun irmán do seu avó —a familia tiña o obradoiro de restauración Hermanos Núñez no Couto— foi un momento moi especial. Agarda que a nova data de remate das obras do Arqueolóxico se cumpra e lembra o extraordinario traballo realizado polo persoal e Cultura durante doce anos para crear o plan museolóxico do que será o futuro recinto de Ourense.
A directora do Etnolóxico ten unha relación especial coa Biblioteca Nós. Cando pechaban as instalacións da rúa Concello gañou o concurso literario contando a súa propia historia: a de como coñeceu naquel lugar ao que co paso do tempo se converteu no seu marido. E o primeiro día que abriu a Nós quixo lembrar esa vinculación co servizo acudindo cos seus tres fillos.
Naquela altura, cando comezou a relación, ía buscar un libro de Séneca: «Os animais son a miña paixón. Quería ser veterinaria e tamén me gustaba a filosofía». Agora comparte a atracción animal coa descuberta do mus, no que se anda a iniciar.
Quen son.
«O espíritu inquedo dunha muller galega, namorada do noso legado cultural e comprometida co noso futuro».