Meletina Delgado, 90 anos, ou como manter viva a tradición da matanza

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

PADERNE DE ALLARIZ

Santi M. Amil

Na casa dos Iglesias, na aldea de San Cristovo de Paderne de Allariz, rematan o proceso este martes facendo os chourizos 

06 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o frío que corta a pel, e case a respiración, e con el a tempada perfecta para facer a matanza. Sábeno na casa dos Delgado, na aldea de San Cristovo, en Paderne de Allariz, onde esta fin de semana mataron o porco. «É unha tradición que levamos facendo toda a vida e que marca o inicio do Nadal e do inverno para nós», explica Pili Salgado. Ela é a muller de Tino Iglesias, un dos irmáns da casa. Aínda que é natural dun pobo de Baños de Molgas, dende que se casou non falta a esta cita no fogar do seu marido.

Este sábado xuntáronse doce persoas e todas elas estiveron dirixidas pola matriarca, a que máis experiencia ten de todos, Meletina Delgado. Aos seus 90 anos non perdoa unha mata. «Hai que velo para crelo. Estivo a primeira e marchou case a última. Eu non me revolvía co frío que tiña, con toda a roupa que levaba enriba, e de pronto decateime de que ela non levaba medias», admite Pili. «É a que máis traballa e dinos a todos o que temos que facer», engade.

Meletina, de 90 anos, traballando nas tripas xunto a Pili
Meletina, de 90 anos, traballando nas tripas xunto a Pili Santi M. Amil

Primeiro, entre os cinco homes encargáronse do porco. «Tardaron hora e media», continúa. Logo ela e o resto de mulleres, xunto con Meletina, pasaron a extremar e separar as tripas. «Apartamos o fígado e a toquilla para facer os rixós con eles. Logo lavámolos ben», conta Pili. Despois diso tocou comer, e como marca a tradición, o menú xirou en torno ao fígado con cachelos. Non faltou o cocido de lacón, chourizo e garavanzos. E, de postre, as papas da mata, un doce típico, feito con pan, leite e azucre.  

O traballo aínda non rematou. Este martes, coincidindo co festivo, volveranse xuntar para facer os chourizos e en dez días, o que ten que estar a carne en sal, tocará probala.