Aparece un cogomelo de case cinco metros en Ramirás

RAMIRÁS

Ricardo e Alejandro Mínguez co cogomelo atopado en Ramirás.
Ricardo e Alejandro Mínguez co cogomelo atopado en Ramirás. ALEJANDRO MÍNGUEZ

A peza foi atopada no Picouto por membros da asociación micolóxica celanovesa

21 oct 2023 . Actualizado a las 16:22 h.

Un cogomelo xigante de case cinco metros de extensión no seu perímetro foi atopado por membros da asociación micolóxica celanovesa este sábado no Picouto, no concello ourensán de Ramirás. Trátase dun Meripilus giganteus que parasita un carballo de variedade americana, explica o divulgador Ricardo Mínguez Abajo. Recorda outros exemplares de gran tamaño na zona, pero non coma o atopado agora, que chama a atención pola gran dimensión. É un cogomelo non comestible, xa que, malia a non ser tóxico, é duro e sería como «comer madeira». Tralas semanas de calor, na actualidade a temperatura suave e as chuvias propician a aparición de especies por todo Ourense.

Cómpre lembrar que, ademais dos cogomelos comestibles, hai exemplares tóxicos, incluso mortais, como a Amanita phalloides, que apareceu en grandes cantidades na zona de Celanova nos últimos dias.

Dentro das actividades micolóxicas desta fin de semana destaca que este domingo 22 hai unha saída do Grupo Micolóxico Galego na zona de Allariz, organizada polo micólogo Mauro Rivas.