A Mostra dá a coñecer hoxe ao gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais
20 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • 21.00 e 23.00 horas • Igrexa da Madalena e auditorio Rubén García • Gratis e 7 euros • A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia encara a súa recta final e faino cunha fin de semana chea de actividades e cunha ampla variedade de iniciativas.
Pola mañá o protagonismo será para Laila Ripoll e unha nova cita co Premio Abrente de Textos Teatrais. A dramaturga e directora sigue impartindo o curso para actores no Auditorio Manuel María (Casa da Cultura de Ribadavia). Para as 12.00 horas, neste caso no salón de actos do Concello, está convocado o acto no que se dará conta da decisión do xurado encargado de conceder o Abrente de Textos Teatrais.
A MIT 2018 amosa na igrexa da Madalena a exposición «Tránsito pola escenografía española contemporánea» e nese mesmo lugar impartirá José Luis Raymond, comisario da mostra, a conferencia «A escenografía en España hoxe». Será ás 21.00 horas.
No auditorio Rubén García, no castelo de Ribadavia, estará a compañía catalá Teatre Tot Terreny coa súa montaxe «Ragazzo». A obra lembra os enfrontamentos dos mozos contra a reunión dos líderes do G8 en Italia.