«Se nos deixaran seguir gobernando terían moi difícil volver»

Miguel Ascón Belver
Miguel Ascón OURENSE

RIBADAVIA

César Fernández (PP)
César Fernández (PP) Santi M. Amil

O exrexedor do PP di que os motivos alegados para a moción de censura de Ribadavia foron unha «tomadura de pelo»

28 feb 2021 . Actualizado a las 16:45 h.

A moción de censura retrasará a aprobación dos orzamentos, pero o exalcalde de Ribadavia do PP, César Fernández Gil (1979), tiña previsto debatelos esta mesma semana. «É case unha tomadura de pelo que a razón para presentar unha moción de censura é que non hai orzamento para o 2021 cando ti, coa presentación desa moción, o que provocas precisamente é retrasar a aprobación dese orzamento», di.

-No 2019, dada a configuración da corporación, contaba con que o relevo chegaría antes ou despois?

-Evidentemente eramos coñecedores da aritmética do pleno, pero viámonos capacitados para levar adiante todo o mandato. Empezamos a traballar a velocidade de cruceiro e conseguimos ir desbloqueando un montón de proxectos. E iso ao final o que provocou foi que PSOE e Ribeiro en Común se visen na obriga de cortar a progresión do goberno municipal, para evitar que se consolidara. Estou seguro de que, se nós non fósemos tan dilixentes, resolutivos e estivésemos facendo un traballo tan positivo para Ribadavia, deixaríannos gobernar e optarían pola vía do desgaste para, chegado o 2023, recoller os réditos. Como non foi así, decidiron dar o paso e esquecer as súas diferenzas.

-Agora PSOE e Ribeiro en Común dedícanse boas palabras. Durará?

-Non o sei. Xeralmente, cando as relacións persoais están baseadas en intereses e non sobre afinidades reais, soen ter unha duración moi curta. O que si está claro é que estes dous grupos estanse facendo unha emenda á totalidade a si mesmos. Hai uns meses dicían que non podían convivir os uns cos outros, había unha aversión persoal, e agora esquecen iso porque saben que, se nos deixaran seguir gobernando terían moi difícil volver.

-Ao día seguinte da moción de censura, Baltar nomeouno vicepresidente segundo da Deputación. E difícil cambiar de chip tan rapidamente?

-É un novo reto. O bo disto é que, cando existen ganas de traballar e cando existen proxectos, como neste caso o de Manuel Baltar, iso permite que te adaptes rapidamente. Cando nos cortan o proxecto que nós tamén tiñamos en Ribadavia, evidentemente pásoo mal, pero grazas á proposta que fixo Baltar poderei seguir traballando por Ribadavia.

-Precisamente, na institución provincial levará a relación cos concellos da comarca. Hai quen pensa que gardará rancor a quen o relevou a vostede da alcaldía.

-Quen pense iso non me coñece. Eu son unha persoa comprometida totalmente co meu pobo. Dicíase de min que eu nunca deixaría o Parlamento de Galicia para asumir a alcaldía de Ribadavia e a realidade desmontou eses argumentos. A atención que terei agora con todos os alcaldes e alcaldesas da comarca será exquisita, axudando en todo o que poida axudar independentemente da cor política.

-O PSOE di que está vostede contento porque pasa dun salario de 26.000 euros a un de 58.000. Que lle parece?

-Paréceme unha tomadura de pelo. Roza o ridículo. Se eles cren que eu forcei a moción de censura por unha mellora económica o que están dicindo é que cando eles presentan a moción de censura non tiñan un proxecto para Ribadavia, que non tiñan nada que aportar. Tampouco me estraña porque, se por algo se caracterizan o PSOE de Ribadavia e o de Ourense nos últimos tempos, é precisamente pola ausencia de proxecto.