Félix Castro Vicente, antropólogo: «En toda Galicia existe a crenza de que debaixo de tal penedo hai un tesouro»
RIBADAVIA
O investigador ourensán promoveu una exposición n Museo Etnolóxico de Ribadavia sobre o Ciprianillo
17 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Todo comezou cun agasallo. Foi na década dos 80, alá por 1985 ou 1986, cando a Félix Castro Vicente (Ourense, 1970) lle fixeron o galano dun libro sobre San Cipriano, o popular santo vencellado na tradición cos tesouros que andan agochados polo mundo, e que tanta sona tivo en Galicia. Pór nas mans dunha persoa que sempre tivo paixón pola cultura galega, as lendas, a Santa Compaña, o lobishome, o folclore e moitas outras cousas tiña necesariamente que se converter nunha teima para o novo propietario do volume que antes estivera nunha libraría do Paseo de Ourense. Meu dito meu feito, aí encetou o interese do avogado e antropólogo polo asunto... e andivo na pescuda de novas edicións, versións publicadas por todo o mundo, libros de tesouros, encantamentos e lendas, iconas e materiais procedentes de países de Europa, África e parte de Oriente. Froito dese traballo é a colección que se amosa no Museo Etnolóxico de Ribadavia -aberta ao público ata o 1 de decembro- e na que se pode ver dende o popular Libro de San Cipriano, o famoso ciprianillo, a outras publicacións e materiais que contextualizan a obra no mundo dos libros de maxia e nas prácticas máxicas europeas.
—Como nace o proxecto «‘San Cipriano' o Mago. De oracións, ciprianillos e tesouros»?
—Logo de ler o Libro de San Cipriano comecei a recopilar diferentes edicións e informacións sobre os seus autores. Coñecín a existencia de ocultistas de sona, coma o galego Alfredo Rodríguez Aldao, e vin que autores como Vicente Risco xa fixeran traballos de investigación ao respecto.
—Que se amosa na exposición?
—Hai unha selección de libros, máis de cincuenta edicións de todo o mundo, e outros obxectos e materiais; de gravados antigos e iconas ortodoxas a rolos dos que se usan en países de África. Tamén reproducimos un altar do San Cipriano que había aquí en Galicia, que nos contou unha descendente de meigas como se montaba. A mostra está dividida en catro ámbitos e nos mesmos incídese na figura de San Cipriano -e como a súa oración e a súa sona se espallaron na Idade Media-, a súa faceta de mago e a tradición máxica en diferentes países, a relación do santo coa busca dos tesouros e, por último, a súa presenza por todo o mundo.
—A publicación mantívose ou foi mudando cos tempos?
—É unha tradición secular que foi adaptándose aos diferentes lugares. E mesmo aquí entre nós. Hai edicións de Brasil, México, Cuba, Arxentina e outros países que mesmo lle engaden elementos tradicionais afroamericanos.
—Sempre tivo unha presenza destacada na tradición galega.
—En todos os sitios de Galicia existe a crenza ou a tradición de que debaixo de tal penedo, ou agochado en non sei onde, hai un tesouro. E mesmo foron nacendo co tempo as historias das riquezas dos mouros e lendas por todas as comarcas do país.
—Hai constancia dalgunha zona ourensá como espazo onde se agochaban os tesouros?
—Hai de persoas que se significaron por andar á procura deles en diferentes zonas da provincia de Ourense. E sempre aparecen como espazos destacados os da raia con Portugal. Na lista que circulaba no seu momento cos tesouros que seica andaban agochados por Galicia adiante figuraban Verín e A Mezquita como lugares onde había materiais. Tamén noutros municipios lindeiros con Portugal, como Salvaterra de Miño. Era un listado cos 174 tesouros que confeccionaba xente que coñecía o territorio. E logo sempre había tradicións e lendas: que se un caldeiro con moedas de ouro en tal sitio, que se un tesouro en tal outro...
«Os tesouros e o ocultismo son temas que lle interesaban a Vicente Risco»
No proxecto que se pode visitar no Museo Etnolóxico de Ribadavia desenvolveu o deseño expositivo Disigna Edenia e as fotografías da mostra e do catálogo foron realizadas por Xosé Lois Vázquez e Mark Ritchie. A iniciativa «San Cipriano» o Mago. De oracións, ciprianillos e tesouros vai acompañada dun ciclo de conferencias que se abriu o día 1 coa presenza de José Leitão, encargado de impartir a titualada Livros de São Ciprinao pre-contemporáneos: relatos e manuscritos. Félix Castro Vicente debería ter presentado o pasado día 8 a ponencia San Cipriano o Mago: o santo das múltiples facianas, aínda que o acto se suspendeu polo pasamento do conselleiro Valeriano Martínez e non está fixada a nova data.
—En setembro presentou en Allariz a obra «Do Doutor Alveiros á Porta da palla. O ocultismo na vida e obra de Vicente Risco», traballo co que gañou o Premio Risco de Ciencias Sociais.
—El tamén estivo interesado nestes temas. Risco publicou na revista de Dialectología y tradiciones populares, de Madrid, a medidados do século pasado un artigo dunhas corenta páxinas que se chamaba Los tesoros legendarios de Galicia. Aí el recopilou moita da información que tiña sobre o tema dos tesouros. Era un asunto que lle interesaba moito e o Ciprianillo aparece citado na súa obra. Tamén escribiu sobre o ocultista galego Aldao, ao que coñeceu en Madrid. Os tesouros e o ocultismo son temas que lle interesaban a Vicente Risco.
—Vostede e o seu irmán teñen presentado traballos sobre Romasanta nas xornadas da fundación alaricana. Aparecerán novos achádegos?
—Seguro que si. Quedan moitos aspectos por resolver e temos varias liñas de investigación abertas. Haberá que agardar.
Tor, o proxecto musical que dá continuidade á etapa universitaria
Os irmáns Castro Vicente, Félix e o seu xemelgo Cástor, forman un equipo perfectamente harmonizado que desenvolve todo un amplo abano de iniciativas en diferentes sectores: da recollida de temas do folclore tradicional aos traballos sobre Romasanta, pasando polos grupos musicais nos que participan ou as iniciativas cuturais nas que se levan implicado ao longo dos anos. Félix incide neste aspecto: «Agora estamos editando os libros deste proxecto e todo o traballo de dixitalización, maquetación e demais fíxoo el. Sempre funcionamos así, cada un vai facendo unha parte do proxecto e logo xuntamos o que imos recollendo». Entre as iniciativas desenvolvidas nos últimos anos están a súa participación na gravación do disco de Luar na Lubre vencellado á Ribeira Sacra ou a música que elaboraron para Luarada, a mediometraxe de Óscar Doviso que acaba de participar no Festival de Sitges.
Avogados de profesión, Félix e Cástor Castro Vicente forman parte dun despacho que é un proxecto familiar: os seus pais, Felisindo e Isabel, tamén son avogados.Félix tamén fixo Antropoloxía.
—Como nace a iniciativa musical na que están implicados?
—Tor é unha nova proposta que en realidade non e tal. Nós, meu irmán e máis eu, xa estabamos en proxectos de música folk cando estudabamos Dereito en Salamanca. Moitos dos temas que aparecen neste primeiro disco de Tor veñen daquela época. O que pasa, como acontece nestes casos, é que cada un fixo a súa vida, pasa o tempo e logo volvimos a atoparnos. Estamos nós, Cástor e máis eu, Álvaro Iglesias e Xosé Liz. E ao cuarteto súmanse os colaboradores que participan nalgúns dos temas e mesmo unha parella de baile.
—Nas sesións da Ponte Vella deste verán desenvolveron ese formato. Manteñen o esquema?
—Temos un concerto en Eibar a próxima semana e será tamén do mesmo estilo.
—Na presentación dos temas hai referencias ao traballo de pescuda de antigas pezas?
—A nós sempre nos gustou esa faceta e temos recollido moitos materiais da cultura popular. É curioso, pero neste campo ten traballado na provincia de Ourense máis xente de fóra que os propios investigadores ourensáns. Agora andamos na procura de materiais sobre Faustino Santalices.
—Queda algo de Gomes Mouro?
—Hai tempo que non organizamos cousas -antes celebraban o Día do Orgullo Gaiteiro- pero sempre seguimos tocando, tanto música tradicional como agora no proxecto de Tor.