Escolares recordando á Xeración Nós

La Voz OURENSE

RIBADAVIA

Cita escolar en Ribadavia
Cita escolar en Ribadavia Santi M. Amil

Ribadavia acolleu o venres a xornada «No bico un cantar»

03 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Auditorio de Ribadavia acolleu a recuperada edición de «No bico un cantar» que foi suspendida no 2020 pola pandemia. Tal e como estaba previsto daquela, 350 escolares chegados de toda Galicia participaron na homenaxe á Xeración Nós.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu á cita no castelo de Ribadavia e puxo en valor este proxecto por ter unha clara vocación de divulgación da cultura galega entre as novas xeracións, ao acadar delas a implicación nunha iniciativa que «adobía con acerto; música, lecer, rapazada e patrimonio». Ademais, destacou o feito de que, nesta oitava edición, se lles puxera voz e música a poemas de Otero Pedrayo, Risco ou Álvaro de las Casas nun «xeito artístico e multidisciplinar» de enxalzar a relevancia da revista nacida no abrente do século XX e dos seus artífices.

Baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento nos metais de Hércules Brass, López Campos e o resto de persoas asistentes puideron escoitar como os versos de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Álvaro de las Casas cobraban vida nas voces de nenos procedentes de conservatorios das sete cidades galegas; de alumnado de cinco centros de ensino musical de municipios de toda Galicia, entre os que se atopaba o de Ribadavia; e parte do Coro Infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia.