A Asociación Álvaro das Casas recoñece cos galardóns a súa implicación e defensa do uso do galego
08 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación Álvaro das Casas xa conta con novos Bacelos de Prata. Nunha xuntanza celebrada no pazo dos Ulloa en Esposende, Ribadavia, o xurado escolleu os proxectos premiados este ano. As distincións serán para Adega Pazo Lalón, da denominación de orixe Ribeiro, e a empresa de produtos lácteos Kalekoi, do municipio pontevedrés de Rodeiro. Os Bacelos de Prata entregaranse no pazo dos Ulloa o próximo día 5 de outubro.
A Adega Pazo Lalón está situada en Barro de Gomariz, Leiro, e dende 1992 elabora viños do Ribeiro empregando a máxima tecnoloxía e manténdose fieis a unha maneira de facer tradicional. Dende os seus inicios a lingua galega foi o seu sinal de identidade e garantía de orixe dun produto elaborado en Galicia coa máxima calidade. Os seus viños, Pazo Lalón e Eduardo Bravo, están elaborados con castes autóctonas como treixadura, albariño, loureira e torrontés e teñen presenza en tendas especializadas e restaurantes «levando o noso idioma con orgullo alí onde se comercializan», segundo se salienta dende a Asociación Álvaro das Casas. «Resalta o xurado a importancia da aposta que fan pola lingua galega que espallan tamén a través da publicidade, páxina web e redes sociais», segundo consta na acta da xuntanza.
O caso de Kalekoi tamén é un exemplo para os organizadores dos premios Bacelos de Prata. A empresa foi creada hai dez anos, no 2014, co obxectivo de revitalizar as corenta hectáreas de terras familiares dedicadas ao pastoreo de gandería no municipio de Rodeiro, na provincia de Pontevedra. Kalekoi puxo en marcha un proxecto innovador que está no mercado con produtos elaborados co leite das súas vacas -iogurt natural, con froitas de tempada; mel, noces, figo, etcétera. Tamén kéfir e leite fresco. Xunto cunha aposta polo esmerado deseño, os produtos de Kalekoi levan «un sinal de identidade propio como é a lingua galega na súa etiquetaxe, páxina web, publicidade e outros materiais, sendo comercializados en grande superficies de alimentación». Para o xurado dos Bacelos de Prata a aposta da empresa de Rodeiro polo uso da linguagalega «constitúe un feito positivo para o seu espallamento entre os consumidores e consumidoras».
Baixo a coordinación de Avelino Muleiro, presidente da Asociación Álvaro das Casas, o xurado estivo integrado por Xosé González Martínez, Clodio González Pérez, Xosé Carballido Presas, Cándido Vázquez Mosquera, Celso Domínguez e Carme Pérez Vaquero.