Ribadavia transformouse en plató de rodaxe para a gravación de «As maos das pulpeiras»
RIBADAVIA
Miguel de Lira participa na rodaxe, que visitou o director de Agadic Jacobo Sutil
22 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«As maos das pulpeiras» é un proxecto audiovisual que conta con guión de Duarte Caseiro e que ten na dirección a Silvia Cachafeiro. A curtametraxe está ambientada nunha romaría dos anos 50 do pasado século e as pulpeiras son as protagonistas desta historia. Dous escenarios que xa acolleron outras rodaxes hai anos —na carballeira da Saleta gravouse parte de La leyenda de la doncella e no Papuxa de Ribadavia secuencias para A Esmorga— recibiron ao equipo deste proxecto promovido por Matriuska Producciones.
No lugar onde se celebra a tradicional romaría de Astureses (Boborás) rodouse o mércores e onte o traballo trasladouse á taberna do casco histórico de Ribadavia. Entre outros contouse coa participación do actor Miguel de Lira. O que fora un dos tres protagonistas do filme de Ignacio Vilar, sobre a obra de Blanco Amor, regresaba desta volta ao Papuxa. Na capital do Ribeiro remata este venres a gravación de «As maos das pulpeiras».
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, visitou este xoves a rodaxe. Salientou o bo momento no que se atopa o audiovisual galego e a aposta do mesmo por historias propias «pero cun horizonte internacional». Amosouse convencido de que a curtametraxe terá un percorrido por salas e festivais que permitirá apreciar «o que temos: as nosas paisaxes, a nosa cultura e a nosa lingua», sinalou Sutil. O alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil, incidiu no potencial de Ribadavia como plató de rodaxes. No Papuxa tamén estiveron representantes dos outros municipios onde se gravou: a alcaldesa de Boborás e o concelleiro de Cultura do Carballiño.