Veciños de Riós impulsan a recuperación de leiras abandonadas

La Voz OURENSE

RIÓS

Inauguración da Leira A Montán, en San Miguel de Progo (Riós).
Inauguración da Leira A Montán, en San Miguel de Progo (Riós). ANA GONZÁLEZ

Os promotores planean cultivar castiñeiros, abelairas e concheiras

15 abr 2024 . Actualizado a las 19:27 h.

Veciños de San Miguel de Progo, no municipio ourensán de Riós, inauguraron este sábado a Leira A Montán, unha explotación con varios centos de castiñeiros e algunhas abelairas. Varias decenas de persoas asistiron ao acto, no que os padriños das árbores puideron poñerlle nome a unha delas.

Segundo explica un dos promotores, Dositeo Veiga, o proxecto xurdiu «coa idea de recuperar leiras abandonadas na aldea, tanto familiares como comprando ou chegando a acordos con leiras de veciños». O obxectivo, engade, é «xuntar pequenas superficies nas que pagase a pena plantar castiñeiros co coñecemento técnico e científico desta última década». Queren, segundo di, «que as castañas de Progo recuperen a fama que tiñan no século pasado».

Pero, ademais, ampliaron a proposta dos castiñeiros con abelairas e concheiras (nome que se lle dá na zona ás nogueiras). «Así, ademais de diversificar, evitamos a creación de monocultivos a medio prazo», di Veiga.