A Ruta do Talento incorporou a oito mulleres galegas nunha homenaxe á creatividade e á reivindicación dos valores rurais
20 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O actor, director e produtor Rubén Riós leva promovido varias iniciativas nos últimos anos co denominador común de reivindicar o rural galego e, de xeito prioritario, o seu municipio de orixe. En Riós, na aldea de San Pedro de Pousada, celebraron este domingo unha nova edición do festival Latexos do Rural, unha iniciativa que acolle diferentes actividades —de homenaxes a concertos ou xantar de fraternidade— e que dende hai anos ten un valor simbólico engadido no seu Roteiro do Talento. O obxectivo do mesmo é recoñecer e render homenaxe a persoas e institucións que se teñen distinguido pola súa traxectoria e compromiso.
O Roteiro do Talento incorporou nesta edición a oito mulleres: Jaione Camborda —Cuncha de Ouro no Festival de Donostia pola película O corno—, Paula Carballeira e Yolanda Castaño —premios nacionais de Literatura Dramática e Poesía, respectivamente, no 2023—, Begoña Vázquez —mellor cociñeira galega do 2024—, Carla Rivas —actriz de O corno—, Silvia Cerneira —compositora e intérprete musical— e o dúo Fillas de Cassandra —María Soa e Sara Faro—. As homenaxeadas, agás Castaño que non puido asistir, estiveron en Riós no acto de descuberta da placa que as lembrará nun dos castiñeiros centenarios do Roteiro do Talento. De presentadores do acto exerceron os Mozos de Arousa e tamén se contou coa presenza de Benedicta Sánchez, Goya 2020 á actriz revelación por O que arde.
Rubén Riós incidiu en que a xornada cumpriu coas expectativas previstas: «Nesta edición honramos á muller creativa con impacto no rural, e todas as homenaxeadas teñen desenvolvido proxectos que reúnen esas condicións». O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participaron no acto. Menor tivo palabras de gabanza para a iniciativa —«Latexos do Rural é un orgullo para a veciñanza porque enraíza na tradición do pobo»— e González lembrou que Pousada figura nun polígono agroforestal para recuperar terra agraria.