A exposición, que foi inaugurada polo conselleiro de Cultura, poderá visitarse ata o vindeiro día 30 de setembro
18 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica amosará durante o verán -a exposición estará aberta ao público ata o 30 de setembro- una colección de cerámica que fai un percorrido polos achádegos máis sobranceiros e representativos dos que se levan feito nos castos galegos.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, foi o encargado de inaugurar oficialmente a mostra A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación. Nas instalacións do centro de interpretación de San Cibrao de Las poderá verse durante todo este tempo unha ampla mostra de réplicas cerámicas documentadas e representativas da producción rexistrada nos castros galegos de referencia. Román Rodríguez salientou a importancia das pezas expostas no parque castrexo de San Amaro e referiuse ao feito de que as mesmas «nos falan da vida cotián dos nosos devanceiros, de situacións económicas e sociais concretas», segundo dixo o conselleiro.
Pezas da Idade de Ferro
A exposición castrexa está composta por sesenta e oito pezas que dan conta da actividade rexistradas en vintedous castros de toda Galicia, sendo o resultado final do proxecto de investigación levado a cabo pola Fundación Terra Termarum.
As pezas que forman parte da exposición A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación corresponden á Idade de Ferro en Galicia e nas mesmas pode observarse, segundo se sinalou dende Cultura, «unha evolución desde a fase inicial deste periodo, con formas pouco sinuosas e fabricación manual; e evolucionando na fase media a unha producción cerámica de máis calidade, con paredes máis finas, pastas máis resistentes e perfís máis sinuosos». As pezas, que corresponden xa á fase final da Idade de Ferro, reflicten ás tradicións oleiras diferenciadas entre a zona das Rías Baixas e a Conca do Miño «e comeza a ter personalidade propia a zona da Costa Setentrional». Román Rodríguez aproveitou a ocasión para percorrer as instalacións de Lansbrica e coñecer o castro.
Do teatro á Noite das bágoas
Durante o verán o Parque da Cultura Castrexa Lansbrica ofrecerá actividades como os obradoiros gratuitos, as visitas teatralizadas polo castro de San Cibrao de Las e unha nova edición da Noite das bágoas de San Lourenzo.