O festival Pórtico do Paraíso incorpora o pazo de Vilamarín aos seus escenarios

La Voz

SAN CRISTOVO DE CEA

Presentación do Pórtico do Paraíso
Presentación do Pórtico do Paraíso Alberte Paz Garza

O programa desenvolverase entre os días 9 e 18 de maio e pecharase no mosteiro de Oseira

13 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 9 ao 18 de maio • Diferentes espazos da provincia de Ourense • Entradas en porticodoparaiso.com, Musical González e Liceo • O Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso chega este ano á súa maioría de idade e faino cun programa no que se inclúen cinco concertos, cursos de interpretación e encontros no Conservatorio Profesional de Música de Ourense. A oferta da nova edición foi presentada no Centro Cultural Marcos Valcárcel nun acto no que participaron o director do proxecto, Juan Enrique Miguéns; o deputado provincial de Cultura, César Fernández Gil, e o responsable da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

O Pórtico do Paraíso 2025 abrirase cun concerto de balde. Será o que ofrecerá o cuarteto vocal Qvinta Essençia, de Valencia, na igrexa de As Caldas (20.30 horas). A seguinte cita chegará da man de Irene Brigitte e Pedro Martins, que actuarán no pazo de Vilamarín o 11 de maio (19.00 horas). Será precisamente este o novo escenario que se incorporará este ano ao festival, na liña xa tradicional de escoller espazos patrimoniais para convertelos en sede dos concertos do programa.

Ao certame regresará este ano o proxecto galego Música e Memes, que ofrecerá dous pases (10.00 e 12.00 horas) na xornada do 13 de maio no Teatro Principal de Ourense. E deste escenario o Pórtico do Paraíso pasará ao Liceo, onde ofrecerá un concerto a guitarrista australiana Stephanie Jones dous días despois (20.00 horas).

O quinteto de metais Spanish Brass, de Valencia, será o encargado de clausurar o programa do 2025. O acto de peche desenvolverase no mosteiro de Oseira o 18 de maio, a partir das sete da tarde. O Pórtico do Paraíso incluirá este ano cursos de interpretación no Conservatorio de Ourense. Correrán a cargo de Stephanie Jones e Spanish Brass e serán os días 16 e 17 de maio.

«Vemos a descentralización do festival e a súa posta en valor de espazos patrimoniais como un gran acerto deste encontro, que conta co aval do público e con recoñecementos tan destacados como o selo de calidade que concede a Asociación de Festivais Europeos», sinalou o director de Agadic. Jacobo Sutil tamén destacou a faceta pedagóxica do proxecto.