As cinzas de Camilo de Dios

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

SANDIÁS

30 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Un grupo de amigos e admiradores de Camilo de Dios (Sandiás, 1931- 2019) peregrinamos á Serra (os montes de Edreira) para dar terra ás súas cinzas nun lugar desa ríspita xeografía que os guerrilleiros antifranquistas chamaban, coloquialmente, O Balneario. Alí “descansaban” nas datas nas que as circunstancias aconsellaban suspender ou disimular as actividades da guerrilla. Foi o propio Camilo, días antes do seu pasamento, quen deixou dito que debería ser incinerado e que as súas cinzas fosen, para sempre, hóspedes do monte que acolleu os seus soños de defensor da República.

Porque Camilo, que se incorporou á guerrilla galega en 1947, con 16 anos, pensaba, como outros irmáns na loita, que a chamada guerra civil non finalizara o 1 de abril de 1939. A bandeira deles, naqueles esixentes e perigosos anos, seguía a ser a tricolor. Lembremos que o noso loitador naceu en abril de 1931, o mes da II República, o réxime que chegou a España sen que soasen as trompetas de Marte. Díxoo doutra maneira o gran don Antonio Machado: «Todo un régimen caía sin sangre, para asombro del mundo. La República salía de las urnas acabada y perfecta, como Minerva de la cabeza de Júpiter».

Camilo aínda non ten o biógrafo que merece. É a biografía dun home esencialmente bo, xeneroso e solidario que se xogou a vida, moi novo, a unha causa, daquela, só asumida por persoas de principios sociais moi fondos. Colleitou toneladas de sufrimento e tortura, dez anos de cárcere e outras durezas, entre elas os trece anos de prisión de súa nai, Carmen Fernández Seguín, e a morte, abatido nunha aldea de Ávila, de Perfecto de Dios, irmán seu e camarada no Partido e na guerrilla.

Pero Camilo, como recoñecen os veciños de Xinzo de Limia, saíu de tanto horror máis sabio, máis humano e, tamén, máis comprometido. Algún día haberá que falar dos versos que Camilo escribiu na prisión, versos que nos transmiten a súa bondade e a súa sensibilidade. Con dezasete anos, ferido nun xeonllo, non só foi curado por unha mociña da comarca senón que lle fixo, a aquel don Quixote das montañas de Galicia, uns versos emocionantes.