
O actor verinés Machi Salgado foi camareiro e opositor e licenciouse en Historia da Arte antes de dedicarse á escena
30 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Parar, o que se di parar, Machi Salgado leva parado pouco nos seus 42 anos de vida. E non porque o oficio de actor o transmute decote en personaxes dispares ou o insira en historias diferentes, senón porque o currículo de Francisco Javier Salgado Rodríguez -iso conta o seu DNI- non é precisamente monótono.
Verinés do 75, Machi foi camareiro explotado na súa vila, labrego esporádico na aldea familiar, recepcionista de hotel en Compostela, opositor a axente tributario, libreiro en Vigo, licenciado sen exercicio en Historia da Arte, empregado nocturno dunha compañía telefónica en Madrid e, durante varios anos, serio aspirante a misioneiro. E todo iso, na vida real.
Malia tanta ocupación -«por non traballar, traballei moitísimo», di- conseguiu consolidar a afección dramática que abrollara no grupo de teatro universitario de Compostela. Ese foi o comezo dunha carreira profesional que ten a súa base formativa no colexio Princesa de España, onde compartiu aulas con Chelo Casado Bermúdez, mestra en 5º de EXB e, ademais, veciña no edificio da rúa Laureano Peláez onde vivían ambas familias.
Chelo coñece con detalle a este Machi ao que ela se refire sempre como Javier, un dos nenos do terceiro piso: «Era un chico fabuloso, alegre, muy simpático y colaborador para todas las cosas. Como estudiante, era bueno y muy trabajador. No necesitaba estudiar mucho; atendía las explicaciones y ya le llegaba».
Machi cuestiona con agradecemento a visión da súa mestra: «Eu creo que si que era traste. Na casa, eu era o armadanzas; era o segundo dos irmáns e tiña que chamar a atención! E na clase lembro estar sentado cara ao final e sempre falando».
Postos a denunciar verdades, Machi desvélalle a Chelo algunha trasnada da infancia: «Un día que nos mandara estudar, non sei se os ríos ou as provincias, eu saín ao balcón da miña casa a repetir os nomes ben alto para que ela, que vivía no primeiro, escoitase claramente como estudaba».
«O certo -engade- é que era moi dedicada e moi xenerosa. Era moi expresiva; as divisións facíaas dunha maneira que eu nunca vira, sempre tiña trucos para facelo máis fácil. Si que era moi recta pero, á vez, moi próxima e cariñosa. A final de curso regalounos a cada alumno un libriño de actividades. Gustáballe o ensino e notábase».
Un dos detalles que Machi lembra con máis agarimo é unha actividade que o conectou, dun xeito indirecto, co que anos despois sería o seu oficio: o espectáculo e a comunicación. «Chelo mandounos escoller ao chou un lugar de España sobre o mapa e escribirlle unha carta a un colexio. A min tocoume Nerja, en Málaga, cando estaba en auxe a mítica serie Verano Azul, que se rodou alí. Contestáronme varios rapaces, cos que logo mantiven correspondencia. Iso marcoume moito polas cousas que se abren: comunicarse con outra xente, conectar con alguén que está lonxe, que se expresa doutro xeito».
Nunha clase con Chelo aconteceu algo que a piques estivo de non deixar nacer o actor que adormecía en Javier. «Veu pola aula o que eu chamo un comercial de Salesianos. Nos veráns facían convivencias en Cambados e eu fun aquel ano e engancheime! Fixen 6º, 7 º e 8º interno en Cambados. Facíase duro porque só viña á casa nas pontes e nas vacacións, pero daquela eu quería ser cura e irme ás misións».
Aínda así, rematado 8º, decidira regresar a Verín, «pero o director díxome que o intentase; comeume a cabeza e eu dixen: vale, probo. Marchei a León e fixen 1º e 2º BUP, pero aí botáronme». A historia foi que o adolescente Javier permitiu que se colase unha mociña leonesa na súa vocación de misioneiro e os salesianos tiveron claro que aquela non ía ser unha vocación relixiosa. «Sempre que saiamos de paseo por León, eu escapaba coa rapaza un pouquiño, pero sempre aparecía un salesiano! -ri Machi-, así que o luns chamábame o director ao despacho para preguntar se deixara a rapaza. Eu dicíalle que si pero despois, na confesión, tiña que dicir que non. Total, que me dixeron que alí non encaixaba, que non valía para cura. Daquela enfadeime porque eu quería ser salesiano e misioneiro; tiña toda esa aventura na cabeza».
«Javier era un chico fabuloso, alegre, muy simpático y colaborador para todas las cosas. No necesitaba estudiar mucho; atendía y le llegaba»
«Chelo era moi dedicada e moi xenerosa. Tiña moito cariño polos alumnos. Gustáballe o ensino e notábase»
«O nome de Machi púxomo un compañeiro do instituto»
Despois do camiño interruptus á relixiosidade exótica, Javier retomou o fío da súa educación en Verín, no instituto Taboada Chivite. Alí atopou a outra mestra de nome Chelo; esta, profesora de Historia da Arte, influíulle o suficiente como para animalo a iniciar esa carreira en Compostela.
Meteuse o teatro por medio e os estudos perigaron, pero aí pesou outra muller: «Miña nai sempre di que as cousas que se empezan hai que acabalas, así que rematei!».
No instituto aterrou na vida de Javier un futuro escritor, Juan Tallón, que tivo o acerto de alcumalo co que logo sería o seu nome artístico: «Juan púxome Machi por un personaxe que saía con Serxio Pazos na serie de humor da Galega Unha de romanos. Chamábase Machiñus e era un actor anano e, como eu era un mangallón, empezou a chamarme así. Useino como nome artístico porque me dá singularidade».