Rectificación ou dimisión

Xunta de Persoal da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco

VERÍN

Miguel Villar

20 dic 2019 . Actualizado a las 14:47 h.

En relación ao comunicado de prensa da Xerencia da Área de Ourense, Verín e O Barco que leva por título «A dirección da área sanitaria chama á responsabilidade e ao respecto aos profesionais e ás súas decisións clínicas», os sindicatos membros da Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras queren manifestar o seguinte:

1. Nunca, os sindicatos que compoñen esta Xunta de Persoal, órganos lexítimos de representación dos traballadores, puxeron en cuestión a profesionalidade de ningún dos compañeiros que desempeñan as súas función neste área.

2. Nunca se puxo en dúbida ningunha das decisións de ningún dos profesionais que interviron no parto ao que fai mención a nota (pediatra, xinecólogo, matrona, anestesista e demais compañeiros do Hospital de Verín e do CHUO). Estamos certos de que calquera deles actuou con arranxo aos seus coñecementos e experiencia (algún deles con máis de 25 anos de servizo na sanidade pública).

3. Nunca foi nin será intención desta Xunta de Persoal «tentar confundir e alarmar a poboación».

4. Cando menos resulta chocante a postura da xerencia neste conflicto. A que ven defender agora a profesionalidade dos seus traballadores? Quen a puxo en dúbida estas últimas semanas? Que pretende con notas de esta índole? Enfrentar aos profesionais coa poboación? Aos profesionais cos profesionais? Ou pretende lavar a súa conciencia pola súa actitude cos compañeiros pediatras?

Será bo lembrar que, no momento de decidir o peche do paridoiro de Verín, os responsables da xerencia dixeron que era por cuestión de seguridade. Ante as preguntas de onde están os famosos informes que avalan o peche, os datos (agás do número de partos) seguen sen aparecer. Seguridade? Onde esta a inseguridade? Eles falan de número de partos, outros profesionais din que iso non é motivo de peche, a non ser que só teñan valor as opinións dos profesionais que refrendan o que eles fixeron.

Falaron de moitas cousas ata que chegaron á conclusión de que era un problema de pediatras. En que quedamos? Seguridade ou pediatras? Eles mesmos responden: «Pediatras». Por iso quitamos de novo a convocatoría de dúas prazas desta especialidade para o hospital de Verín. Con isto desviamos o problema: se non é por seguridade é por culpa vosa, compañeiros pediatras. En que quedamos? Cando menos podemos calificar de covardía a actitude de esconderse detrás dos traballadores para xustificar a absoluta ineficacia no mantemento das plantillas nos hospitais comarcais, de xerar contratos dignos e condicións de traballo estables. E agora saen defendendo aos compañeiros. Deixamos caer o tema sobre a poboación de Verín e dicimos que os culpables son outros. Dicimos que a poboación, enfadada co tema, intimida e acosa ós profesionais.

Se agardaban que a poboación e os traballadores ían calar, confundíronse. Se pensaban que todo ía ser coma sempre, confundíronse de novo. Xa esta ben! A defensa dos profesionais debe ser os 365 días do ano. A defensa dos profesionais tamén está en ofertarlles a estes unhas boas condicións laborais, en ofertar contratos dignos, que fagan atractiva a nosa provincia para que novos profesionais acepten vir. A defensa dos profesionais tamén pasa por saber incentivar que a xente queira acudir ao rural. E Verín e gran parte de Ourense é rural, e a moita honra.

En vista de todo o exposto anteriormente, esiximos unha rectificación pública dende a xerencia. En caso contrario, solicitamos a dimisión dos responsables directos na decisión do peche do paridoiro do hospital de Verín: o xerente xeral, o director xerente do hospital de Verín, o xefe de servizo de Xinecoloxía, o xefe de servizo de Pediatría e a subdirectora de Enfermaría do hospital de Verín.