Académico Verino, querido Roberto

Xosé Carlos Caneiro

VERÍN

El diseñador ourensano Roberto Verino
El diseñador ourensano Roberto Verino Santi M. Amil

18 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Desculparás, querido Roberto, que hoxe non estea contigo. O teu ingreso na Real Academia de Belas Artes, no auditorio de Verín, é un evento sobresaliente. As circunstancias, comprometidas preteritamente, leváronme a Santiago. Hoxe recordamos, vinte anos despois da súa marcha, a Carlos Casares. El tamén sentía unha profunda admiración cara a ti. El admiraba o talento. Coma min. Porén, non vou poñer en valor a túa traxectoria profesional nin empresarial. O evidente non precisa comentarios. A miña intención, nesta breve carta aberta, é enfatizar a túa dimensión artística e humana.

A miúdo falan de ti os noticiarios como empresario. Es un paradigma. Un modelo a seguir. Escrutan os teus comezos, nunha pequena empresa familiar, e a túa traxectoria pola mundo. Ignoran, talvez, que detrás da marca e da empresa, reside a arte. Ti es un artista. Desculpa ?é a segunda vez que pido desculpas nesta misiva? por afirmar categoricamente esta certeza. Es un artista dende o comezo. Antes dos días en que viaxas a París para infundir dentro de ti o cosmopolitismo, a alta cultura, o saber, a delicadeza e a tenrura dos inmortais. Non hai ningún inmortal que non tivese, no fondo ou na forma, a tenrura como sustento. A min sempre me pareciches un home tenro e cariñoso, amable e afable, aínda que a túa modestia e timidez levantasen un muro que en ocasións impedía mirar o teu adentro. Amigo dos amigos e verinés de Verín. Humilde, a pesar de voar tan arriba. E sempre dilixente, laborioso, responsable. Esa é a imaxe que teño de ti. A imaxe da túa familia sempre me resultou grata. A cen metros da miña casa estaba a fábrica. Mariño, Marpy, Roberto Verino máis tarde. Ti comezaches a ocupar portadas de revistas e xornais, a abrir informativos, e eu sempre sentín que parte do teu éxito era o éxito de todos nós. Dende o principio. Non houbo nin un só día na miña vida de escritor no que non afirmase, e volvo repetilo, que es sen lugar a dúbidas a persoa máis eminente que deu a nosa vila ao longo de toda a súa historia. Podería tamén dicir que esa eminencia exténdese á provincia e a Galicia. Quen pode ser máis importante que un home que presume de raíces, ano tras ano, nos centros culturais e empresariais máis relevantes do mundo? Quen máis importante que aquel que identifica a súa persoa cun lugar (ou dous), Verín e Galicia, e a súa empresa cun modo de alcanzar o sublime?

Vou con iso, Roberto. Porque eu non quero falar de empresa, dixen ao comezo, senón da arte. Sempre me pareciches un explorador, un buscador, da beleza. Perseguías —e persegues— a beleza en cada tecido, pregue, forma, cor. A elegancia é unha categoría. Un modo de ser. Ti fixeches da elegancia o humus da túa conducta humana, empresarial e artística. O meu admirado Jorge Luis Borges, xenio maior, escribiu unha frase que repito a miúdo: «Al cabo de los años he observado que la belleza, como la felicidad, es frecuente. No pasa un día en que no estemos, un instante, en el paraíso». Ti, querido Roberto, descobres que a beleza existe todos os días, vaporosa e sutil, en cada unha das túas pezas de orfebre. A beleza é a meta que perseguen os artistas. Coma ti. O estilo, esa esencia que estes malos tempos (de inmediatez e frivolidade e intranscendencia) van roubando. Cando todo desapareza, quedará a música. Quedará o estilo. A beleza danzando entre o Támega e Monterrei, brindando con viño noso, da cor da cereixa ou do millo e con sabor a terra longa, veterana, respectable e fértil. Académico Verino, é unha honra para Nós que exista alguén coma ti. Querido Roberto, perdoa a ausencia e recolle os meus mil abrazos. Este verinés, coma ti, que te admira e te quere. Rotundamente, maestro.