O banco

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

10 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das marabillas das que goza Verín é o seu río. O Támega nace nas terras da Alberguería, por riba de Laza, nas marxes da serra de San Mamede. Percorre o val de Monterrei, Chaves, Tras Os Montes (o territorio fabuloso dun dos fabulosos escritores portugueses, Miguel Torga). Acaba afogando no Douro e con el, diluído, segue correndo ata o mar. O Támega é un río formidable, case máxico. Os verineses temos a fortuna de poder camiñalo, mirándoo, ulindo o seu recendo salvaxe e vívido. Cada mañá procuro andar ao seu carón. Non moito. O suficiente para estirar as pernas, pouco máis. Hai anos que penso que o deporte de suor, carreira, musculatura vigorosa, respiración axitada é unha práctica lacerante. Pero camiño. Quizá porque, como escribiu Nietzsche, só teñen valor os pensamentos camiñados. Ou, como Flaubert, mestre admirado e admirable: «Hai que esperar cando un está desesperado e andar, andar, cando un espera». E mentres ando, gozo. Escoitando o chiar dos paxaros. Xílgaros, lavandeiras, pardais. Freixos e negrillos acompasando o seu rumor co rumor dos meus pasos. Dicir bos días e escoitar bos días. Falar con Mariano, que dende xuño, chuvia ou sol, calor ou nordés, báñase no Támega. Cruzarme con Alfonso e a súa bicicleta ultramoderna. Levar o paso de Chema, cando o mediodía aloumiña as abas de Monterrei. No paseo hai varios bancos. De pedra rectangular, robusta. Nun deles está escrito en tinta negra: «Recuerda cuando fuimos felices». Eu, antes de chegar a ese banco, sempre espero o mesmo. Que eles estean alí. As mans collidas. Ollos imantados. Os labios a punto dun bico que non agarda futuro. Recorda cando fomos felices. Recordar é un modo, tamén, de vivir.