Viñedo, oliveira e árbores froiteiras serán os cultivos preferentes
19 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria para o aproveitamento da aldea modelo de A Infesta, no municipio de Verín. Na resolución anúnciase a convocatoria de concorrencia competitiva para a selección de propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas á referida aldea modelo: en total conta cunha superficie de 36,65 hectáreas, repartidas en 930 parcelas de 232 titulares.
O prazo para presentar as propostas é de quince días, contados a partir do seguinte ao da publicación. Daquela haberá de prazo ata o 4 de setembro para rexistrar as ofertas. Poden facelo as persoas físicas ou xurídicas, as administracións públicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas traballadoras autónomas.
Segundo se recolle na guía de ordenación produtiva, a actividade principal serán os cultivos leñosos -como o viñedo, a oliveira ou as árbores froiteiras- e cultivos agrícolas de ciclo curto e complementarios. Mentres tanto, plantéxase como actividade secundaria a gandaría en extensivo combinada con estes cultivos. A aldea modelo da Infesta é unha zona óptima para a posta en produción dos terreos para cultivos leñosos ou cultivos complementarios á explotación gandeira.
O municipio de Verín atópase enclavado na Denominación de Orixe Monterrei.