Porque nunca neva en agosto. Porque melancólico, pero sen melancolía, escribo. Porque despois de cada final aparece sempre un principio. Porque hai poucos días ao Anxo pedíronlle «un café muy templado» e non soubo qué facer. Porque ao Luis, o capitán do precioso Retiro do Conde, solicitáronlle un «cortado sin mucho ni poco café». Porque hai moitos anos ao outro Luis, o do bar Franchesco, preguntáronlle que tipos de ensaladas servía e el contestou, circunspecto e profesional: «Grandes e pequenas». Porque mañá comeza o mes de abril, en Verín chamámoslle setembro. Porque o Paco Mariló está contento neste tempo, a medio calor, e con mesa e mantel delicado: sostén que o marisco, ese que arrecende e sabe e deconstrúe a mar, só é posible nos meses que teñen erre (de setembro a abril). Porque nas rías, e no interior, poderemos camiñar serenamente e serenamente solicitar viandas e ambrosías: Galicia calidade (suprema!). Porque quedan tres meses para pintar as paredes con luces e estrelas e bolas de cristal... e tamén «con tu nombre, mi amor». Porque xa volveu o Juan Ramón de Plasencia. Porque este ano vai subir o Deportivo. Porque o Celta quedará en postos europeos. Porque todo vai ir mellor. Porque a esperanza é a patria que conquistamos. Porque o pesimismo non leva a ningures. Porque o optimismo sabe nadar (e gardar a roupa). Porque seguirán as oscuras anduriñas picoteando nos niños de xuño. Porque os noticiarios falarán das dificultades da «volta ao cole», da inflación, de non chegar a fin de mes, do aceite de oliva carísimo, da merma do poder adquisitivo, das hipotecas... pero nada cambiará: «España de la rabia y de la idea» (Antonio Machado). Este agosto non nevou.