Un científico

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

Santi M. Amil

26 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre as virtudes do primo Gerardo, ata a pasada semana, non figuraba a deducción científica. Equivoqueime. O meu primo non só ten o mellor arquivo consuetudinario de Verín (defuncións, nacementos, bares que pechan, nomes estraños, películas proxectadas nos cines da vila, alcumes, etcétera), agora resulta que as súas apreciacións meteorolóxicas son incontestables. Na primavera, viaxando pola provincia ourensá, ía mirando as nubes. El e a prima Luisa falaban entre si. «Ves, Gerardo? Non falla», dicía ela. El contestaba: «Non falla. Dogma de fe». Berta mais eu non sabiamos ben de que estaban parolando. De contado fomos informados. En Verín non chovía e dende Xinzo para Ourense, si. A Luísa ría. O Gerardo, tamén. E non deixaban de insistir: «non falla, non falla». Que era o que non fallaba? O primo Gerardo explicou a súa teoría revolucionaria. Nas súas libretas leva anotado os días que chove en Verín e os días que non chove. Tamén anota os días que chove de Xinzo cara ao norte. Non coinciden. Habitualmente, as chuvias de Verín —segundo a súa opinión— son moito menores que no resto do país. Por que, preguntámonos. De seguida contestou: «Son os muíños, as aspas, esas que moven o ceo e as nubes». Non entendín. Continuou: «En Verín chove menos porque na zona de Xinzo hai moitos aeroxeneradoes, miles, e cando se moven mandan as nubes cara atrás». Non bromeaba. Falaba en serio. Eu, ignorante, rin. Ata a pasada semana. Saín de clases do Campus de Ourense ás nove da noite. Regresaba a Verín. Nunca vin chover tanto. Así ata Xinzo. Despois de Xinzo, parou. Nin gota. Conteillo ao Gerardo. Riu. Dixo: «Os aeroxeneradores, neno. Un científico da miña talla nunca se equivoca».