Non todos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

01 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Sucede a miúdo. O personaxe acada máis sona que o autor. Hai tempo que sei que esta columna importa porque importa o meu amigo Paco Mariló. Pregúntanme por el vaia onde vaia. Non só en Galicia. En Madrid. Mesmo en Buenos Aires. Alá unha lectora interrogoume pola existencia do meu camarada. Podería anotar nomes ilustres que queren saber do Mariló. Dende un banqueiro, que ignoraba hai lustros se Mariló era nome de varón ou dama, ata profesionais de alcurnia da máis alta política. Eu, sinceramente, síntome superado. Hai poucos días, en Pontevedra, o profesor Manuel Gago asegurou que non cría que o Mariló fose real. Eu xa non souben que contestar. Por fortuna, moitos colegas das letras si o entenden. Porque os mundos da ficción e realidade sempre se cruzan. Como son home sedentario, tardo en ver aos meus amigos escritores. Sucede de ano en ano, ou máis. Hai días xunteime con Fina Casalderrey, escritora única, e Freixanes, o presidente da nosa Academia. Fina contoume que cando exercía como profesora sacou a un alumno ao encerado. «Escríbeme unha oración exhortativa», dixo Casalderrey. O alumno, serenamente, escribiu: «Esta horta é miña». A profesora pediulle que sentase. E, con intelixencia, fíxolle ver que a horta non necesariamente era exhortativa. O relato de Fina tróuxome ao caletre unha das historias do meu Mariló. Na escola de Queirugás estudaban aquel día os xentilicios. De Madrid, madrileño; de Valencia, valenciano. A profesora era Carmen Lovelle Alén, que foi alcaldesa de Verín, deputada e senadora. Preguntou: «Paco, sabes como se chaman os de Verín?». O Mariló sacou peito e contestou: «Todos non. Pero coñezo á maior parte». Paco Mariló resulta insuperable.