«2720», «Aunque es de noche» e «O estado de Alma» acadaron os premios das seccións oficiais do FIC Verín
VERÍN

O xurado novo decantouse por «Lemon Tree» e o público por «O estado de Alma»
08 sep 2024 . Actualizado a las 11:43 h.O Festival Internacional de Curtametraxes de Verín, FIC Vía XIV, celebrou este sábado a súa gala de clausura e na mesma procedeuse á entrega de premios. En A Raia, o premio foi para o director suizo-portugués Basil da Cunha polo seu filme «2720». No caso da sección Horizontes o galardón tamén viaxou a Portugal, neste caso a mans da directora Sara Naves e a súa curta «O estado de Alma». Guillermo García López e o seu filme «Aunque es de noche» foron os gañadores no apartado Nova. Sara Naves e o seu traballo «O estado de Alma» sumaron tamén se levaron o galardón que concedeu o público. As preferencias dos compoñentes do Xurado Novo recaeron na curtametraxe «Lemon Tree», de Raquel Walden.
Severiano Casalderrey, Nora Sola e membros do Teatro Experimental Flaviense de Chaves formaron o xurado oficial e na súa decisión acordaron facer mencións especiais a algunhas das curtas participantes. Na categoría Nova, a mención foi para «Nada de todo esto» de Francisco Cantón e Patricio Martínez; e na categoría A Raia para «A rapariga de olhos grandes e o rapaz de pernas compridas» de María Hespañol e «A short film about kids», do palestino Ibrahim Handal.
Na convocatoria Pincho Cine o premio foi para o bar Oasis e no concurso de pintura os galardóns recaeron en Pepa Alonso -categoría sénior- e Mariña García -no apartado infantil-xuvenil-.
O director do FIC Verín agradeceu a implicación do público e a participación dos directores e as persoas vencelladas ao sector audiovisual. «O cinema transfórmanos como individuos e comunidade e o FIC, dalgunha maneira, e a proxección desta idea na nosa vila. Nove anos reuníndonos ao redor dunha pantalla, coñecéndonos, compartindo ideas, facendo comunidade ao redor do audiovisual», sinalou Carlos Montero na gala.