É unha alegría velo. Cada vez que vén a Verín, a rúa Montemaior estoura coas risas. Falo de Manolo Rolán, que hai moitos anos que reside nas Canarias. Xa contei que hai meses, nunha das súas visitas, falounos do «silbo gomero», un modo de comunicación propio da Gomera. El, daquela, conducía unha guagua (autobús). E o único que aprendeu en silbo gomero foi unha expresión similar a esta: «Acabouse a viaxe»… pero asubiando. Estes días díxonos que cambiara de profesión. Preguntamos se cambiou a mellor ou a peor. Dixo que mellorara moito a súa situación profesional e, mesmo, a consideración que os demais tiñan do seu traballo. Interesámonos moito. Preguntamos. Contou que agora era algo parecido a un bancario. Non sabiamos moi ben que pode ser «moi parecido» a un bancario. Espertou a nosa curiosidade porque non acababa de ofrecer unha resposta. Falaba e falaba. Sen parar. E todo nun galego perfecto, sen atisbo de acento do sur a pesar de levar décadas nas Canarias. Chegou o momento en que o Mariló non puido aguantar máis (eran case as dez da noite e a esa hora, pase o que pase no mundo e arredores, o Mariló retírase aos seus apousentos). Case se enfada. «A ver, Manolito, de que demo traballas», insistiu o noso Paco Mariló. O Rolán contestou: «Teño que dicírvolo en castelán, para que me entendades ben», contestou. Ían dar as dez e eu temín que o Mariló non escoitase a resposta. Pasaba un minuto cando o Rolán dixo: «Mi profesión es dejar dinero». «Traballas nun banco?», preguntei. Contestou: «Non, arranxo xardíns, sego a herba, podo, rego, corto flores». Ao principio non entendimos nada. Despois, rindo a gargalladas, aclarou o Rolán: «De-jar-di-ne-ro». O bancario.