NA ÚLTIMA | O |

06 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

XA SE ten contado aquí como unha vez Gonzalo Torrente Ballester, nunha visita a unha vila, case queda xordo porque un home, entusiasmado pola presenza do escritor, lle gritara a cinco centímetros da orella: «¡Viva Ballesteros!». Con seguridade o que impresionara ao espontáneo era máis a relevancia do personaxe e o movemento que xeneraba ao seu redor, que a súa obra literaria, da que, obviamente, nunca tivera noticia, nin por experiencia nin por referencia de terceiros. Probalemente se agora se fai unha enquisa rápida sobre quen é Torrente non serían poucos os que respostarían que un policía un tanto zafio ao que interpreta o actor e director Santiago Segura. As palabras son así. Van cambiando por capricho dos falantes. A Academia deixou nun día de ser a da lingua cando a xente do cine decidiu bautizar a súa con ese mesmo nome. Agora é só un lugar donde uns rapaces aprenden a cantar. Pero volvendo a Torrente, o escritor, seguro que a este lle faría gracia todo o problema que o seu tocaio xenerou estes días en Viana do Bolo, ao identificar a vila cun «pobo de merda». A postura máis razonable en todo este asunto adoptouna o propio Santiago Segura, que explicou que se trata dun diálogo dun personaxe de ficción, que nada en que ver con el. Ás veces a xente cústalle diferenciar estas cousas. Non é nada novo. En 1857, cando se publicou Madame Bovary, o seu autor foi levado a xuizo polos contidos da novela. Gustave Flaubert foi finalmente absolto ao conseguir explicar ao tribunal a diferencza entre o que di un narrador nunha obra literaria e as opinións do autor que o crea. O adulterio e os suicidio foron demasiado para a sociedade da época. Polo visto, despois de cento cincuenta anos, continúa sendo difícil explicar estas cousas. Sobre todo se falta o sentido común, para o que, por certo, o humor é unha peza clave.