«Un viño antigo de poesía, un fogar onde quentar o espírito»

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

04 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Malia botar máis anos no exilio que na súa terra natal, a obra de Florencio Delgado Gurriarán (parroquia de Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, California, 1987) non se entende se non se ilumina á luz íntima da súa terra natal. Se Víctor F. Freixanes fixo referencia á variante oriental da lingua, Alonso Montero sumou a paisaxe física, marcada pola cultura vitivinícola, para referirse ao escritor como o «xeórxico cantor da súa matria». Non en van xa Ramón Otero Pedrayo, nun artigo publicado en 1973 en La Voz de Galicia, falara de Florencio Delgado como «un viño antigo de poesía, un fogar onde sempre quentar o espírito».

A Valdeorras regresaba sempre nos veráns da infancia mentres estudaba en Castela, e en Valdeorras emprendeu a súa carreira como avogado, ademais de participar activamente na vida cultural e política a través do Partido Galeguista. Como a moitos outros, a Guerra Civil abocouno ao exilio: chegou a México tras unha epopea que o levou a Valladolid e Zamora, a Portugal e a Francia, dende onde cruzou o Atlántico a bordo do Ipanema canda outros exiliados. «Os motivos da miña saída son ben claros: os meus patentes sentimentos galeguistas e republicanos, tan cruelmente perseguidos», declarou nunha entrevista con este xornal en 1978.

En México desenvolveu un intenso labor, promovendo publicacións como Saudade e Vieiros, colaborando coa diáspora arxentina, e establecendo un diálogo co exilio interior, mediante as páxinas das revistas ou a correspondencia privada, en especial con Francisco Fernández del Riego e Valentín Paz Andrade. Nun tempo no que galeguismo e democracia foran esmagados pola ditadura franquista, Florencio Delgado e os seus coetáneos teimaron en manter aceso o facho das ideas que os afastaran lonxe da súa terra, mais sen perder unha «cativa e lonxana esperanza», que, sentía, acadara a súa razón de ser coa restitución democrática.

Poemas e traducións

Esta faceta do exilio convive co poeta que se estreou en 1934 da man de Ánxel Casal e Nós con Bebedeira, un poemario «moi moderno, vangardista en certo modo», segundo Alonso Montero. Versos que cinco decenios máis tarde reuniría no volume Cantarenas, xunto cos de Valdeorresas e Dionisias. A evocación valdeorresa tamén estaba moi presente en Galicia infinda, publicado en 1963, pero no que o capítulo Poemas mexicanos tamén daba conta da súa experiencia vital no continente americano.

Outro ton é o que inspira Cancioneiro da loita galega, aparecido en 1943 ao abeiro da revista Saudade, e que, como indica o seu título, é todo un exemplo de poesía de combate. Como responsable intelectual, Delgado Gurriarán reúne a outros autores e achega versos como os dedicados a Alexandre Bóveda. O seu derradeiro libro é O soño do guieiro, nacido dun encargo da revista Galicia do Centro Galego de Bos Aires co gallo do 25 aniversario da morte de Castelao.

Traducir a Rimbaud, Valéry e Mallarmé, entre outros, foi a súa contribución ao volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1946), asinado con Plácido Castro e Lois Tobío. O interese pola lingua non se limitaba só ao seu papel como autor ou tradutor, senón que observou con atención a «reconquista da fala», como dicía en 1978, tras morrer Franco, e expoñía as súas ideas: «Galicia ten moito que aportar ao idioma común, á trindade luso-galaico-brasileira, pos, por sorte, aínda garda un enxebre tesouro de palabras eufónicas e expresivas».