Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O relevo na alcaldía de Vilar de Santos converteuse nunha festa nacionalista

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

VILAR DE SANTOS

Xosé Antón Jardón, Noa Presas, Ana Pontón, Rubén Colmenero, Antonio Míguez, Xan Jardón e Arturo Casas
Xosé Antón Jardón, Noa Presas, Ana Pontón, Rubén Colmenero, Antonio Míguez, Xan Jardón e Arturo Casas MIGUEL VILLAR

Rubén Colmenero substitúe ao dimitido Antonio Míguez e o pleno de toma de posesión converteuse nun encontro do BNG con Ana Pontón como convidada

22 feb 2025 . Actualizado a las 20:09 h.

Vilar de Santos é unha das referencias obrigadas á hora de falar do poder municipal do BNG en Galicia. As súas estatísticas como pequeno concello —pouco máis de vinte quilómetros cadrados e menos de 800 veciños segundo o último censo— fan que non sexa unha das citas máis coñecidas á hora de falar da xestión local nacionalista, sobre todo contando coa experiencia de Allariz na provincia de Ourense, pero o seu modelo ten sido pioneiro en moitos proxectos, servizos e atención ao cidadán.

Este sábado había relevo na alcaldía logo da renuncia de Antonio Míguez Nogueiras a seguir como rexedor municipal —dimisión do cargo que formalizou o pasado día 17— e o pleno para escoller a Rubén Colmenero Ferreiro como novo alcalde converteuse en toda unha festa nacionalista. Deputados autonómicos, provinciais, edís e responsables municipais de concellos ourensáns e mesmo exrexedores de Vilar de Santos —entre outros os nacionalistas Xosé Antón Jardón e Xan Jardón— acudiron a arroupar aos compañeiros deste municipio da Limia. E tamén o fixo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para apoiar aos representantes nacionalistas e salientar todo o traballo que se fixo durante as últimas décadas. A corporación está formada por sete concelleiros, dos cales seis son do Bloque e unha é do PP. Antonio Míguez leva 26 anos na mesma, primeiro como concelleiro e logo como alcalde.

A celebración do pleno converteuse nun mero trámite administrativo resolto en dez minutos: aprobación da acta da sesión anterior e ratificación de Rubén Colmenero como alcalde cos votos do BNG e a abstención do PP.

 Próxima presidenta de Galicia

Logo da sesión houbo intervencións dos alcaldes, o ex e o novo, e Pontón. Antonio Míguez lembrou que Vilar de Santos leva sido gobernado por forzas progresistas e nacionalistas dende as primeiras eleccións logo da ditadura, as de 1979: «Este Concello sempre estivo na primeira división e foi moi valorado en toda Galicia». Recordou e tivo palabras de eloxio para os exalcaldes: «Xosé Antón Jardón e Xan Jardón, dos que fun compañeiro tanto en Xuntos por Vilar de Santos como no BNG, e os anteriores, Arturo Casas e Manolo Cao». Tamén se referiu a que no Concello foron pioneiros en proxectos como o alumeado led, a construción da piscina municipal, a creación do parque empresarial e en moitas das prestacións de servizos sociais. Míguez asegurou que chegara a hora do relevo e agradeceu a presenza de Ana Pontón, a quen se referiu como «a futura presidenta de Galicia».

Rubén Colmenero gabou o xesto do seu compañeiro, por dar un paso a un lado e promover o relevo xeracional, e referiuse ás fortalezas do BNG no municipio: «Hai un consenso, tanto nesta candidatura como no partido e no consello veciñal que nos apoia no que facemos, e o noso obxectivo e seguir traballando aportando novas ideas, iniciativas e proxectos. Sempre co nacionalismo, o galego e a nosa cultura por riba de todo», sinalou.

 Chiscadela ao produto local

Pontón agradeceu o traballo de Míguez e a decisión de Colmenero de darlle continuidade á xestión nacionalista no municipio. Asegurou que o pobo «ten un valor moi especial para nós por ter conseguido todo o que levan feito nestes anos e a xestión realizada dende este pequeno Concello do interior da provincia de Ourense que é un modelo para Galicia». A portavoz nacional do BNG sinalou como exemplo do bo facer local a blusa que levaba, un modelo de Lumecú, da artesá Mercedes Vieites.