Raigame homenaxea ao Museo do Pobo

La Voz

XINZO DE LIMIA

Santi M. Amil

A Sociedade Filatélica Miño inaugurou no Liceo unha mostra sobre as Letras Galegas

17 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xinzo será hoxe a capital da cultura galega. A vila acollerá os actos centrais da Real Academia Galega na memoria de Carlos Casares. Máis non só na capital da Limia se desenvolverán propostas sobre a figura e a obra do autor de Ilustrísima, cuxa versión en inglés se presentou antonte na RAG.

CELANOVA

Romaría Raigame en Vilanova dos Infantes. A cultura tradicional ten hoxe unha representación viva no burgo medieval de Vilanova, onde a música e a danza galega, xunto coa artesanía e os oficios darán ambiente durante toda a xornada. Esta edición de 2017 dedícase ao Museo do Pobo Galego, que cumpre corenta anos. Desde a mañá haberá unha chea de actividades, empezando por un simposio (11.30 horas) sobre o museo no antigo centro comarcal. Ás 12.00 horas haberá unha misa cantada pola coral de Ruada na igrexa de San Salvador e unha liberación de libros da biblioteca municipal. Ás 13.30 horas entrégase o premio Adolfo Enríquez ao Museo do Pobo Galego, tralo que se interpretará a danza gremial de Vilanova. A maiores, haberá exposicións e teatro. A novidade este ano é o cine Carlos Velo, onde se proxectarán documentais etnográficos. Gaiteiros, pandereteiras e a banda de Vilanova porán a animación musical. Haberá numerosos postos de gastronomía popular e a posibilidade de desprazarse en autobús desde a capital ata a vila.

ourense

Roteiro e concerto de Rúa e Caneiro. A cidade ten programadas para hoxe varias actividades. Ás 11.30 horas encetará un roteiro polos espazos de Ourense vencellados ao escritor. Estará guiado polo profesor Afonso Vázquez-Monxardín e partirá desde o Paseo -o punto de encontro é o Centro Cultural José Ángel Valente-. Neste mesmo espazo, neste caso na sala de exposicións, haberá ás 12.00 horas unha actividade infantil: Carlos Casares con maxia e música. As propostas para a xornada terán a súa terceira entrega neste mesmo lugar: ás 13.00 horas comezará na rúa o espectáculo Cantata e fuga para Carlos Casares. A actuación musical correrá a cargo de Emilio Rúa e a lectura de textos será de Carlos Caneiro.

Mostras. A cidade ten abertas ao público dúas mostras vencelladas ao autor das Letras Galegas: na Sala Valente está o proxecto central do ano adicado ao escritor, a exposición Os mundos de Carlos Casares promovida pola fundación que leva o seu nome. No Liceo de Ourense abriuse onte o proxecto creado pola Sociedade Filatélica Miño.

Contacontos. Na libraría e tenda de agasallos Punto e Coma (Rúa da Paz, 15) teñen programada para hoxe unha sesión de contacontos. Será a partir das 12.00 horas e correrá a cargo de Uxía Morán. Os máis cativos poderán disfrutar das sesións A vaca que puxo un ovo e Primeira semana na escola de vacas. As compras na tenda recibirán como agasallo unha chapa do Día das Letras Galegas creada por Miguel Robledo.

Santa Teresita. No salón de actos da casa parroquial de Santa Teresita haberá actos adicados ao autor durante toda a tarde. Comenzarán ás 18.00 horas e haberá lectura de textos, teatro, actuacións de corais e rondallas e outras actividades.

Xinzo de limia

Das Harleys aos cabalos. A capital da Limia vivirá hoxe en clave de Carlos Casares. E ademais de acoller o acto central de Galicia e a xuntanza da RAG, haberá actividades durante toda a xornada. Entre outras figuran algunhas que se teñen convertido xa en noticia por ser citas fóra do común nas celebracións das Letras Galegas. É o caso da xuntanza de motos Harley Davidson ou o premio hípico que leva o nome do escritor. O encontro moteiro está vencellado á paixón de Casares pola marca -comezará ás 14.00 horas na praza de San Roque- e no hipódromo de Sandiás disputarase, ás 14.00 horas, o Gran Premio Día das Letras Galegas Carlos Casares. A primeira das carreiras de cabalos programadas será o Premio Un país de palabras. Ademais agasallaranse obras do autor.

o barco de Valdeorras

Maratón de lectura e concerto. Na praza do Concello comezará ás 11.30 horas o maratón de lectura que organiza Vagalume. Todos os que queiran pasar a ler un anaco, poden facelo. Ás oito, no Lauro Olmo terá lugar o concerto homenaxe a Casares realizado por Xardín Desordenado.

A Rúa

Festival con Abertal. Ás 20.00 horas terá lugar no centro cultural Avenida o Festival das Letras de Abertal, no que a música será o protagonista. A entrada é de balde.

Viana do Bolo

Lectura e xogos. Ás 17.00 horas na Praza Maior (se chove será na Casa da Cultura) haberá unha exhibición das obras de Carlos Casares e xogos populares.

a pobra de trives

Andaina, mural, música e baile. Ás 10.30 horas sairá desde Santa Leonor unha andaina familiar de catro quilómetros de dificultade baixa. Rematará na praza de Abastos, onde se pintará un mural. Pola tarde, ás 18.30 horas, no auditorio Julio Vázquez presentarase a vida e obra de Carlos Casares, interpretaranse cancións e recitaranse cantigas, ademais de ter baile.

vilariño de conso

Xogos populares. Na praza do Concello de Vilariño haberá desde as once xogos populares para os cativos, ademais de xincana e inchables. Xa pola tarde, ás catro, comezarán os torneos de rá, bolos, petanca e tiro con arco para adultos.

allariz

Contacontos infantil e acto oficial. Allariz ten hoxe dous actos principais para festexar as Letras Galegas. Ás 12.00 horas, haberá contacontos para público infantil no Museo do Xoguete, onde Bandullo Azul presenta Filipa cos contos. Ás 19.30 horas será o acto central na praza Maior no que participarán rapaces da ESMU Municipal.

o carballiño

Suspendida a presentación. O acto previsto para esta tarde, a presentación de Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández aprazouse para o 8 de xuño.