«O museo é un dinamizador cultural»

SINDO MARTÍNEZ XINZO / LA VOZ

XINZO DE LIMIA

Santi M. Amil

Delfín Caseiro preside o padroado do Museo da Limia, que hoxe estrea unha biblioteca que contará con 200 textos de 50 creadores

04 may 2018 . Actualizado a las 17:53 h.

O museo da Limia, aberto dende hai dúas décadas na antiga casa reitoral de Vilar de Santos, estreará esta tarde (ás 19.00 horas) unha iniciativa longamente planificada polo padroado do museo: unha biblioteca de medio cento de autores vinculados á comarca.

Preto de 200 volumes formarán esta biblioteca, que incluirá todo tipo de textos, non só de carácter literario, senón tamén divulgativos. O presidente do padroado, o escritor e profesor Delfín Caseiro Nogueiras, destacou a transcendencia da inauguración e asegurou que a biblioteca será un espazo aberto a medio e longo prazo que irá desenrolándose no futuro.

O obxectivo esencial é «pór en valor e coñecemento da sociedade limiá a todos os autores que desenvolven a súa creación no ámbito das humanidades. Ao longo destes últimos tempos medio cento de destacados persoeiros da cultura cederon as súas obras desinteresadamente para configurar esta nova biblioteca», comentou Caseiro.

«Trátase de moitos creadores que fixeron e seguen a facer achegas, no eido da literatura, investigación, ensaio, pintura, escultura, música, audiovisual, fotografía, etcétera. Hai nomes xa falecidos, como o poeta Antón Tovar ou Carlos Casares, nos que a súa familia doou eses textos», sinalou o presidente do padroado. Noutros casos, como Riveiro Coello, Chus Pato, Rafael Laso, Elixio Rivas Quintas ou Xosé Manuel Cid Fernández, foron eles mesmos os que facilitaron esas obras aos fondos da biblioteca.

Base de datos

«Ademais desta divulgación, no campo das humanidades, a biblioteca contará cunha base de datos bibliográfica que inclúa todo aquilo que se publicou ou se publique, relacionado con este territorio. Non só, necesariamente escrito por autores da Limia», engadiu Caseiro. O escritor limiá expuxo que o criterio para seleccionar os volumes da biblioteca non só será o ámbito xeográfico do partido xudicial de Xinzo, senón tamén todos os concellos bañados polo río Limia e os seus afluentes. «Incluirá dende o seu nacemento ata a raia con Portugal, é dicir, as comarcas da Limia e da Baixa Limia», indicou.

Caseiro remarcou que o papel básico do Museo Etnolóxico da Limia en Vilar de Santos nestas dúas décadas de funcionamento é o de ser un «dinamizador cultural». E engadiu: «O que tratamos agora é de potenciar e impulsar ese significado. Non só dende un punto de vista etnográfico, senón dende todos os aspectos relativos as humanidades».

A biblioteca incluirá a posibilidade de consultar alí mesmo os textos e tamén de poder levalos temporalmente para a casa baixo condicións que serán fixadas. «A exposición ao público das obras publicadas, catálogos expositivo e outros aspectos dos autores irán acompañados da súa identificación fotográfica e dun soporte telemático no que se poderán consultar as súas biografías, e tamén dunha ampla bibliografía», remarcou o responsable do padroado museístico.

Antón Tovar

Caseiro loouse de que por segunda vez en pouco tempo, a figura dun escritor limiá, Antón Tovar Bobillo, poida ser, tras Carlos Casares, homenaxeada polo Día das Letras Galegas. «A figura de Tovar merecerá sen dúbida ese recoñecemento, sexa no 2019 ou máis adiante. É un dos maiores exemplos da poesía galego do século XX», insistiu. A relevancia de Tovar centrará nos próximos meses, ao longo do curso académico 2018/2019 unha serie de iniciativas de divulgación da súa obra, como certames literarios, charlas e conferencias, centrados cara os máis pequenos.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, ademais do alcalde de Vilar de Santos, Xan Xosé Jardón, e dos membros do padroado do Museo Etnolóxico da Limia acudirán ao evento. Están invitados tamén os rexedores doutros concellos da Limia.

O acto, segundo Caseiro, contará coa interpretación ao vivo de pezas musicais de creación dunha das autoras incluídas na biblioteca, situada no primeiro andar da reitoral. Trátase de Carmen Penín, nacida en Covas (no Concello dos Blancos) e fundadora da agrupación musical 2naFronteira.