O míster Universo limiao foi un alumno moi deportista e con gusto polos números
11 mar 2019 . Actualizado a las 08:26 h.É a primeira vez que Iván Cabrera Trigo (Xinzo de Limia, 1984) volve ao Rosalía de Castro desde que rematou os estudos. El foi, en certa maneira, un neno experimental: «Tocoume o primeiro ano da ESO», apunta con emoción indisimulada polo regreso. «Eu vivía aquí ao lado, así que este colexio é moi da miña vida», xustifica.
Os afectos e o compromiso forxaron o carácter dun rapaz que chegou a ser Míster Universo e modelo de elite sen perder a ilusión por adestrar e xogar ao fútbol co equipo da súa vila, o Antela. «Ai, se fose outro!», espeta con admiración o seu mestre e amigo Juan Porto: «Nunca se lle subiu a fama á cabeza. Eu vino varias veces na tele, nos programas de Buenafuente ou de Ana Rosa, e á semana seguinte estaba adestrando aquí, como se nada. Tiña unha responsabilidade e un compromiso que agora a xente nova perdeu; agora son máis cómodos».
Iván Cabrera mira o mundo desde un ben plantado metro con noventa centímetros, unha altura que xa albiscaban os que o coñeceron de neno. A relación con Juan Porto, que lle deu clases en 6º e en 1º e 2º da ESO, vén de antes da escola. «Comigo -conta o mestre- Iván fixo moi boas migas porque, como el era moi deportista, a min tíñame un pouco de ídolo. Xogaba bastante ben ao tenis e eu trataba de ensinarlle os sábados nas pistas municipais. Despois cada un fixo a súa vida e máis tarde volvimos coincidir no Antela como futbolistas e, na última etapa, eu como adestrador».
Na escola, conta Porto, «con 11 e 12 anos, xa tiña corpo. E é certo que sempre foi guapo, pero sempre foi tamén unha persoa humilde; el só se dedicaba ao deporte. Non era o típico guaperas, era natural. Coidábase fisicamente, pero porque lle gustaba o deporte. O fútbol e o Antela sempre foron a súa prioridade».
Tanto, lembran ambos, que cando aínda brillaba a súa estrela internacional como modelo, «viña xogar co Antela como se non pasase nada. Ao principio había algo de cachondeo, pero nada especial. Sobre todo a xente de fóra facía algún comentario, pero el -asegura Porto- non daba pé a que se metesen».
No repaso á memoria escolar de Iván no Rosalía de Castro, Porto arríncase cunha expresión difícil de crer: «Iván era do montón». A frase, claro, ten trampa: «Era bo estudante, educado, portábase ben… Era do montón no sentido de non destacar por traste ou mal rapaz; era do montón no sentido positivo. E no fútbol, sendo como era eu porteiro, telo a el de defensa central era unha garantía. Iván xogaba ben e o seu físico impuña bastante. E non nos meteron moitos goles!».
«Con Porto -engade Iván- compartín moitísimas etapas da miña vida, etapas que me quedaron marcadas. Acórdome moito das actividades extraescolares, das competicións de fútbol-sala con outros colexios. A min encantábame ese afán por competir». O mestre ratifica esa imaxe: «Sempre foi moi competitivo, pero nos estudos non, non se cebaba cos demais, el ía ao seu».
Na casa de Iván había unha lei: «Se quería deporte, tiña que estudar». Non é preciso dicir que a Educación Física era a súa materia preferida: «Tamén me gustaron sempre os números. En Bacharelato, no instituto Lagoa de Antela, fun por Ciencias e era un estudante correcto, tampouco brillante. Despois quixen facer Enfermaría, pero non me deu a nota, así que comecei Maxisterio. Fixen o primeiro ano e deixeino por un ciclo superior de Laboratorio e Diagnóstico clínico. Cando estaba rematando as prácticas saíron as oposicións de bombeiro en Xinzo e tiven a sorte de aprobalas. En realidade foi algo que sempre me gustou: bombeiro, policía…».
O que el chama a súa segunda profesión, a de modelo, foi como un feliz accidente. Algo que se vive e que pasa, unha etapa que acaba de pechar para dedicarse ao seu: a familia, o fútbol, a súa vila... Acaba de ser pai por segunda vez e, igual que non descarta volver xogar co Antela, tampouco marcha da súa escola da infancia cun adeus. Prefire un ata sempre.
«Iván era bo no académico e relacionábase con todo o mundo. Xa era alto e guapo de pequeno, pero el só pensaba en xogar».
«Porto era serio na aula, pero eu víao máis como un compañeiro porque con el compartín moitas etapas da miña vida no fútbol e no tenis».
«Con el tiven que estudar por primeira vez para Educación Física»
Aínda que o coñecía de fóra das aulas, o desembarco docente de Porto na vida de Iván Cabrera tivo o seu aquel de inquedanza: «Tiveramos de profesor de Educación Física a Uxío, que era moi afable e próximo, e de Porto falaban que era un pouquiño máis radical, máis esixente, pero, en realidade, era dos que coñecían o alumno e sabía ata onde debía esixir».
«Foi a primeira vez que tiven que estudar para un exame de Educación Física», ri Iván, mentres Juan Francisco Porto matiza: «A Educación Física tíñase hai décadas como se fose divertirse no patio. Eu cheguei coa idea de darlle importancia, que non fose unha maría, que aprobase todo o mundo pero que aprendesen algo máis: de anatomía, de primeiros auxilios… Iso chocaba porque antes non se daba nada de teoría, pero agora, cos anos, xa están afeitos».