A Coral de Ruada concede o premio Xavier Prado «Lameiro» á Asociación Cultural Aimil Folc, de Xinzo de Limia
XINZO DE LIMIA
O colectivo de Xinzo de Limia foi galardoado polo seu «traballo e compromiso coa cultura popular galega»
12 may 2024 . Actualizado a las 18:00 h.A Asociación Cultural Aimil Folc, de Xinzo de Limia, foi galardoada co Premio Xavier Prado Lameiro que concede a Coral de Ruada. A distinción convocouse por duodécimo ano para recoñecer o traballo que desenvolve unha persoa ou colectivo que destaque «polo seu compromiso coa cultura de Galicia de expresión en idioma galego e de carácter popular, fundamentalmente no eido do folclore e, máis concretamente, na música popular e polifónica galegas».
Para esta edición, o xurado compostp por membros da Coral de Ruada acordou outogar o premio a Aimil Folc polo traballo que «ao longo de máis de vinte anos leva realizado no campo da investigación, conservación e divulgación do noso folclore tradicional, non só a través da música, senón tamén por medio de tódalas demais manifestacións etnográficas». Deste xeito, o xurado tivo en conta o traballo que fai esta asociación con grupos instrumentais, a recuperación de traxes tradicionais, as escolas ou eventos culturais que fomentan. O Premio Xavier Prado Lameiro recoñece, pois, según os convocantes o «traballo e compromiso coa cultura popular galega» e a «coherente andaina» da agrupación premiada.
O premio será entregado o venres 24 de maio, a partir das 20.00 horas, no Teatro Principal de Ourense.