
Na xuntanza do colectivo acordouse abrir ao liderado feminino a interpretación do papel de xefe das tribos galaicas
06 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación Civitas Limicorum vivirá neste 2025 un ano especial. Cumprirá o colectivo os seus 25 de historia e tamén se chegará á edición do cuarto de século da Festa do Esquecemento. A asociación celebrou unha multitudinaria asemblea ordinaria, na que participaron máis de 150 persoas, para preparar o que será o seu Annus Argenteus e no que se contará cun amplo programa de actividades.
Entre os anuncios máis destacados da referida asemblea estivo a comunicación dunha decisión sen precedentes ata o de agora: por primeira vez desde a fundación da asociación, a figura de Beltain poderá ser interpretada por unha muller. Trátase dun papel de grande importancia na Festa do Esquecemento, ao representar ao xefe das tribos galaicas e ser antagonista de Décimo Xuño Bruto. Esta decisión abrirá a súa representación a liderados femininos, recoñecendo que historicamente moitas mulleres ocuparon postos de poder nas sociedades castrexas e foron auténticas guerreiras e guías dos seus pobos. Dende a directiva de Civitas Limicorum salientaron que a decisión é «un avance natural e respectuoso coa historia, ao tempo que se impulsa unha maior participación e identificación co evento por parte de todas as persoas socias». A selección para participar na festa estará aberta ata o último día de abril e na mesma poderán participar todas as persoas asociadas.
O presidente de Civitas Limicorum, Marcos Argibay, incidiu no potencial que representa a asociación, xa que con máis de cincocentas persoas vencelladas á mesma é a máis grande da comarca da Limia «e seguramente unha das máis grandes da provincia». Ademais da festa e doutras actividades que desenvolverán en Xinzo, ao longo do ano participarán en actividades e encontros en Vilar de Santos, O Carballiño, Lugo, Astorga, Ribadavia e Cartaxena.