Bieito Ledo: «O libro colectivo que editamos é unha homenaxe ao carballo de Padroso»
XUNQUEIRA DE AMBÍA
O día 8 de xullo celebrarase no pobo de Xunqueira de Ambía un encontro de irmandade
29 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O editor e escritor Bieito Ledo (Xunqueira de Ambía, 1944) recoñece que nesta altura da vida ten todo o tempo do mundo. «Para gozar del e para facer o que me apeteza, non para movelo adiante e atrás ao meu antollo, o que é unha mágoa». Unha circunstancia, a da gozosa xubilación, que lle permite achegarse con máis tempo ao seu Padroso natal e gozar do que considera que é a esencia do lugar e da vida: o silencio e a natureza. Na aldea teñen cita o día 8 de xullo para celebrar a segunda edición dun encontro que está chamado a convertirse en convocatoria tradicional no tempo e para a ocasión a Fundación Bieito Ledo editou o libro «O carballo de Padroso», no que colaboran trinta autores cos seus relatos, debuxos e imaxes.
—A publicación presentarase na cita de xullo?
—Non vai haber un acto de presentación formal. O libro colectivo que editamos é unha homenaxe ao carballo de Padroso.
—Por que a ese en concreto?
—É un exemplar centenario que está vencellado á miña memoria e á miña familia. O meu amigo Antón Pulido creou un letreiro rústico coa verba «Abrázame», que foi tallado en madeira por Luis Suárez, e como pasa a tres ou catro metros o Camiño Mozárabe a xente vai ata alí e chámanlle o Carballo das apertas.
—Como fixo para convencer a tantos autores?
—No libro están dende Méndez Ferrín a Rochi Nóvoa, pasando por Mandianes, González Tosar, Alonso Montero, Modesto Hermida e outros. A foto da portada é de Plácido L. Rodríguez e Antón Pulido fixo o deseño da portada.
—E recuperou un texto de Luis Moure Mariño.
—Si. É a única colaboración dun autor que xa non está connosco. En Ir Indo editamos a versión en galego dun libro seu —«Fantasías reais», 1993— e decidín incluir «O poder de Montevideo» como a última das colaboracións porque me parece un relato marabilloso e fantástico.
—Que actividades desenvolverán o día 8?
—Xuntarémonos ás seis e media da tarde á sombra do carballo e os autores recitarán os seus poemas e lerán os seus textos. Tamén haberá actuación musical do grupo Tarabelos e depois, na eira, haberá viño e algo de picar. Virá a xente que poda, dos autores, e o actor principal será o noso carballo centenario.
—Promove o libro a Fundación Bieito Ledo. Cal é o obxectivo da mesma?
—Xa existía, aínda que se chamaba Fundación Padroso. No seu día non lle quixen poñer o meu nome pero agora decidín facelo.
—O obxectivo é manter o seu legado?
—Non. Quero facer algo no meu pobo coa herdanza familiar. Potenciar este entorno —co carballo, a fonte e o Camiño— e facer da casa unha pousada e que a xente que fai do Camiño Mozárabe poda ter un lugar onde parar e gozar da natureza e o silencio.