Pouco antes do pasamento da miña nai, que chegou moi lúcida e brillante ata os 87 anos, graveille unha serie de vídeos referentes a historias do seu pasado cotián. Nalgúns deles contaba detalles da matanza do porco na aldea, das súas diferentes fases e do que supuña para unha familia daquel tempo dito ritual. Noutros narraba historias reais de lobos que ela mesma vivira e das que fora testemuña presencial. Noutros da procesión das ánimas que é como por estas terras ourensás de Niñodaguia se lle chamaba á máis popularmente coñecida como Santa Compaña. Tamén falaba de Merlín e de historias que a súa tía Remedios lle contaba referidas sen dúbida ao ciclo artúrico e á materia de Bretaña. Para min son narracións de grande valor porque son vivencias da miña nai que gardou na súa memoria e que veñen de moito atrás xa que ela recibiunas dos seus avós e os seus pais, co cal estámonos remontando case que ao século XVIII, xa que na súa casa foron bastante lonxevos. O mundo deu unha grande viraxe económica e social coa revolución industrial do XVIII. En Galicia tardou algo máis e nas aldeas galegas a transformación non chegou abertamente ata ben avanzado o século XX. Aínda hoxe en día habería moito do que falar. O caso é que nun deses vídeos eu pedíalle á miña nai, unha nena da posguerra española, que falara da alimentación na súa casa. Cómpre sinalar que pese a ser súa unha facenda humilde, nunca pasaron fame. Tiñan vacas, porcos, galiñas e tamén algún campo con millo mais horta con diversidade, polo tanto leite, carne, ovos, gran e vexetais variados nunca lles faltaron, así como castañas. Contaba que o almorzo xeralmente era a base de papas de millo con leite, a veces cun rustrido de roxóns e outras con manteiga de vaca e azucre. No xantar o habitual era a carne de porco, sempre patacas, ben para acompañar ou como prato principal ao que se lle podía engadir un ovo cocido e un refrito para darlle sabor, e na cea o normal era unha cunca de caldo. Isto era o habitual e cotián na vida daquela nena que quixo ser mestra e acabouse licenciando na universidade da vida. Hoxe, nun mundo radicalmente diferente cuns hábitos a veces moi cuestionables cómpre reflexionar sobre como se transformou todo en tan pouco tempo e tamén sobre a ínfima capacidade memorística que semellamos ter.