Coa proxección da película de José Mª Forqué Atraco ás 3 de 1962, a Fundación Caixa Galicia abre hoxe un novo ciclo de cine baixo o título de Grandes golpes, grandes fuxidas, en versión orixinal subtitulada.
Roubos, fraudes, evasións, estafas, escapadas, abandonos e todo tipo de planificacións delituosas terán cabida neste ciclo conformado por once filmes. Tamén as consabidas carreiras e persecucións.
A película elixida para abrilo é unha das comedias españolas máis destacadas. Divertida e disparatada, conta cunha banda sonora de Waitzman e un reparto de actores encabezado por José Luis López Vázquez, Alfredo Landa -que debutaba nesta cinta-, Cassen, Gracita Morales, Agustín González, José Orjas e Rafael Aparicio, que dan vida a uns antiheroes desherdados.
A seguinte película é A fuga de Alcatraz, que se pasará o vindeiro día 9. Lévanos ao 18 de xaneiro de 1960, á cidade de San Francisco, onde o preso especializado en fuxidas, Frank Lee Morris, interpretado por Clint Eastwood, vai conseguir o que ninguén ata o momento, fuxir dun cárcere aparentemente inexpugnable.
Os días 16, 23 e 30 deste mes, as películas elixidas son A evasión, Nove raíñas, e Rufufú dá o golpe, de Jacques Becker, Fabián Belinsky e Nanny Lou, respectivamente. A última delas protagonizada por Vittorio Gassman, Nino Manfredi e Claudia Cardinale entre outros actores. Trátase dunha secuela xurdida como parodia da mítica Rififí, de Jules Dassin.
«O golpe»
En outubro están programadas outras catro sesións, previstas para os días 7, 14, 21 e 28, con O golpe, de George Roy Hill e protagonizada pola parella de galáns Robert Redford e Paul Newman; A xungla de asfalto, de John Huston, na que volta a ollada a un tema clave da súa filmografía, a dignidade do perdedor, os seus medos e frustracións; Atraco perfecto, de Stanley Kubrick, que rodaba con 28 anos a historia do atraco a un hipódromo; e Un condenado a morte escapou, do director Robert Bresson, que nos leva a unha Francia ocupada durante a Segunda Guerra Mundial.
E xa en novembro remata o ciclo con Ouro en barras (o día 4), de Charles Chrichton un dos exemplos paradigmáticos da comedia inglesa dos estudios Ealing; e Un plan sinxelo, de Sam Raimi, que firma un dos seus mellores filmes con esta cinta que se pasará o día 11 de novembro.
Estes títulos proxectaranse nas devanditas datas ás 20 horas, no Café Moderno de Caixa Galicia, e a entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo. Os organizadores argallaron unha modalidade de reserva das entradas para asistir a estas películas a través de sms.
Ademais, o presentador e comentarista de cine en distintos programas de radio e televisión, Carlos Roma, dará unha conferencia o vindeiro 23 deste mes de setembro, baixo o suxerente título de Fuxidas, roubos e outros delictos consentidos no cine, o tema central deste novo ciclo.