Miguelanxo Prado asinará exemplares da súa última obra, «Presas fáciles», esta tarde, ás 19.30 horas na libraría Paz
19 may 2016 . Actualizado a las 05:05 h.Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958) é un dos debuxantes de banda deseñada máis respectados do país.
-¿Naceu do cabreo?
-Non estou seguro de se o dixen eu ou foi alguén que mo preguntou, pero si se axusta bastante á realidade. Eu tiña a intención estritamente temática. Despois de varias obras dun carácter máis poético, intimista, xa lle tiña anunciado aos meus editores que tiña gañas de facer incursións noutros campos, e nun deles era o policíaco. Pero non había unha historia clara que contar, e entón escoitei na radio a nova dun matrimonio de anciáns que remataran suicidándose ante a inminencia do desafiuzamento pola incapacidade de pago dunha hipoteca sobrevida por figurar como garante dunha hipoteca do fillo, e os aforros se lles sumiran todos a través dun caso de preferentes. E a partires daí foi un continuo, as historias íanse amoreando con tingues máis ou menos dramáticos ou tráxicos, pero desesperantes todas, e ao final foi simplemente decatarme de que aí tiña a historia. O que me saíu mal é que eu tiña pensado facer unha historia policíaca como divertimento, e o que resultou foi un proceso no que estiven cabreado os dous anos e pico nos que traballei no libro.
-¿Foi sempre no fondo o cómic un xénero reivindicativo?
-Seguramente non sempre, pero os xéneros primeiro se desenvolven como unha forma de expresarse os individuos e logo van atopando espazos idóneos, nos que funcionan de xeito especialmente eficaz. É barato e sinxelo, e acabou sendo ideal para ese tipo de contidos.
-¿Pódese ser un bo debuxante de cómic sen debuxar ben?
-A historia da banda deseñada está chea de exemplos de debuxantes que poderíamos cualificar de non especialmente brillantes ou virtuosos. Hai exemplos magníficos de debuxos rudimentarios que tiveron resultados estupendos, como o de Marjane Satrapi, Persépolis, o último best seller. Non é indispensable que sexa virtuoso; o que ten que ser é eficaz.
-¿E debuxar ben sen ter historias boas?
-Hai tamén exemplos de historias simplonas ou mesmo malas. pero estamos manexando unha linguaxe híbrida como se falamos en música pop ou rock ata onde é máis importante a música ou a letra.