«Hai unha ligazón moi forte entre as palabras e nosa música»

PONTEVEDRA

CEDIDA

O Liceo Casino acolle esta tarde a última das sesións do proxecto de concertos «Mulleres mirando ás mulleres»

25 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xunto con Julia Dopico, Isabel Dobarro e Raquel Areal, a súa irmá, a tamén violinista, Sara Areal será unha das protagonistas esta tarde da derradeira das sesións de Mulleres mirando ás mulleres -Liceo Casino, 20.30 horas-, un proxecto de concertos que «homenaxean á muller galega como inspiración, pero tamén como creadora. Son as nosas musas, pero tamén crean. Trátase de recuperar este patrimonio e polo en valor», resaltou esta última.

-E un patrimonio que se podería considerar como esquecido ou están cobrando valor nos últimos tempos?

-Quizais agora empezan a xurdir máis cousas. Se non se investiga, a xente non sabe que existe e queda na sombra. Creo que cada vez máis a xente se anima a investigar, se anima a interpretar... Non é que a calidade sexa baixa, senón que, de feito, é moi alta, tanto das escritoras como das compositoras.

-Neste eido xorden os nomes de Rosalía de Castro, Eugenia Osterberger, Fanny Garrido, Maruja Mallo... Pertencen a ámbitos artísticos moi distintos e que, a priori, pouco teñen que ver coa música. Este proxecto serve, por tanto, para amosar a interconectividade das diferentes disciplinas artísticas?

-Claro, exactamente. As artes retroaliméntanse entre elas. Temos moitas obras que son feitas para canto e piano, e nós transcribímolas para violín e piano. Hai unha ligazón moi forte entre as palabras e a música que tocamos.

-Que pezas vanse interpretar?

-Son varias. As únicas que son orixinais para os nosos instrumentos, o violín e o piano, foron compostas por Julia Dopico. É o caso Miña estrela, adicada a María Balteira, ou Cores no ar. Son un montón...

-Falando precisamente de María Balteira. É un dos nomes propios destes concertos, pero, ao tempo, é unha figura moi pouco coñecida polo gran público.

-Exacto, é moi pouco coñecida e realmente, polo que vemos, era unha personalidade moi fora do común. Moitísimas cantigas falan dela.

-Era soldadeira, un oficio tradicionalmente de homes?

-Si. Ela saía fora do normal porque, igual que os trobadores, ía de sitio en sitio facendo as súas letras e a súa música. E algunha das letras -risas- non son o máis común para unha muller daquela época.

-Que supón para Sara Areal volver a tocar coa súa irmá?

-A verdade é que é algo moi especial porque levábamos moitos anos sen tocar xuntas. As nosas carreiras, felizmente, tiveron que separarse. Ela quedou en Madrid, eu estou vivindo en Viena polo que é un encontro. Tamén con Julia e con Isabel, que son da terra.