«O orzamento está esgotado, para un imprevisto non hai»

manu otero

BARRO

O goberno xa traballa en elaborar un novo presuposto «máis social» e denuncia a mala situación económica do Concello

26 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes (BNG), cualifica de histórico o cambio de goberno en Barro e na Deputación e espera crear emprego explotando o sector agrícola e potenciando o polígono industrial.

-Despois de 32 anos co PP, logrouse o obxectivo do cambio.

-Era algo moi ansiado por unha porcentaxe importante de veciños e por fin conseguiuse. Foi unha conmoción social para todos.

-¿Foi fácil chegar a un acordo co PSOE?

-Foi fácil porque se houbera unha alternancia política habitual, igual habería que falar máis. Pero era a ocasión, non se podía perder. Os veciños de Barro non nos perdoarían que non asumiramos ese reto de facer un goberno alternativo e facer o cambio que demandaban.

-¿Como foi o traspaso de poderes?

-Poñémonos ao día grazas á colaboración e apoio dos funcionarios porque co alcalde saínte non houbo nin unha mínima palabra.

-¿Como se presentan os próximos catro anos?

-Un reto moi ilusionante. Todo o mundo ten moita expectativa posta no novo goberno. Imos contar co apoio de moitísima xente. Coa implicación de colectivos e veciños poden ser catro anos moi produtivos. Sabemos das limitacións económicas e o que fai falta é moita imaxinación, colaboración e sobre todo priorizar moito onde se vai gastar, iso é o fundamental.

-Despois de organizar a Feira do Viño, ¿en que traballa agora o goberno?

-Na comunicación con toda a colectividade social e en empezar a deseñar cal vai ser o noso orzamento de cara ao ano que vén. Porque este ano está todo esgotado. Para un imprevisto gordo xa non hai, se pasa algo grave non tes a que botar man.

-¿Serán moi diferentes os orzamentos de Abraldes dos de Landín?

-Queremos que sexan participativos. Logo intentaremos darlle un carácter máis social, no momento en que vivimos temos que facer cousas que poda desfrutar todo o mundo por igual. Logo nos investimentos en obras intentaremos priorizar o máis urxente. Haberá investimentos que non sexan para 2016 senón que serán planificados para o longo dos próximos catro anos.

-¿Pasará o mercadillo a mans do Concello?

-Se non cumpren o convenio ou no momento en que remate o convenio analizaremos a posibilidade de xestión municipal. Quédanlle dous ou tres anos. Nós non imos rompelo porque si.

-Potenciará a creación de cooperativas agrícolas, pero ¿poderán vender no mercadillo?

-Nós xa propuxemos que as persoas de Barro que tiveran a posibilidade legal de ter postos no mercadillo, que o fixeran. Temos que ver se os proxectos agrícolas encaixan ou se hai que crear outros mecanismos de venda. O importante sería crear unha cooperativa agrícola que puidera non só vender en Barro, senón canalizar a venda de cara a fora.

-¿Como se creará emprego?

-Sacándolle máis proveito aos recursos agrarios e queremos ter un directorio de todos os profesionais do concello. Ademais imos facilitar o asentamento de empresas no polígono.

-¿Que opina do cambio na Deputación de Pontevedra?

-É outro cambio histórico. A ver se a Deputación deixa de ser ese ente onde ías a mendigar e a ver se eras capaz de conseguir un pouquiño máis para o teu concello a través de influencias.

Xosé manuel fernández abraldes alcalde de barro

«Chegar a un acordo foi fácil porque era a ocasión, non se podía perder»

«O cambio na Deputación é histórico. A ver se deixa de ser ese ente onde ías mendigar»