A artista coruñesa actúa na xornada inaugural do SonRías Baixas compartindo cartel con TéCanela
02 ago 2021 . Actualizado a las 09:23 h.Sés chega este martes ao SonRías Baixas de Bueu co seu último traballo, Liberar as arterias, un concerto que, segundo recoñece, preséntase «con moitas máis gañas que se non houbera o bicho. Sen o virus levariamos moitos, moitos concertos enriba. Isto non quita que non o vaiamos facer coa mesma paixón, pero non con mesmo mono. Agora mesmo temos todos un pouco de síndrome de abstinencia. Sempre digo que non quero que me toque a lotería porque a min xa me tocou, que é traballar do que me gusta. A felicidade coa que vou, pódesme crer, é aínda maior. É moito tempo, a situación pasoume factura como a todo o mundo... Eu son unha cidadá máis. Para min foi moi duro emocionalmente. Faltoume un pouco a alegría, como a todo o mundo, imaxino. Agora o colles cunhas gañas que nunca soñaches con collelo. Dende que comecei a tocar, nunca parara nin quince días e, de súpeto, parei un ano».
-E sen perder de vista que o virus segue aí e as restrición obrigan a que o público estea sentado e gardando distancia.
-Si. É unha cousa que veu coa pandemia. A primeira vez que din un concerto nestas circunstancias, flipei. Resultoume moi raro, non o vou negar. Estás acostumada a ver a dúas ou tres mil persoas ou as que sexan pegadas, suando, bailando... E de súpeto, separadas, coas caras tapadas, sentadas. Pero, dalgún modo, o ser humano é claramente adaptativo e somos capaces de sentir o calor do público. Os pequenos xestos, os pequenos movementos... substitúen aos grandes de antes. E sentes o calor, a xente canta e paréceme que é moito máis meritorio porque facelo nun espazo vital de dous ou tres metros de radio, onde estaste oíndo perfectamente, ten moito máis mérito e faime sentir moi arroupada.
-Teño a impresión, e ao mellor é unha percepción falsa, de que o público é máis agradecido?
-Creo que o é, pero é que pasou polo mesmo proceso ca nós. Eu son, nun momento, actuante, pero a gran maioría do meu tempo son escoitante, son público, tamén. Non so teño síndrome de abstinencia tocando, tamén o teño consumindo. O outro día fun ver a Ortiga e Grande Amore ao Teatro Principal de Compostela é levaba moitísimo tempo sen ver un concerto e a palabra que define o meu sentimento nese intre é gozo, gozo de ver á xente cantar, rir... É gozar todos en colectividade ao mesmo tempo de algo que nos gusta. Eu son actuante un 1 ou un 2 % do meu tempo, o resto son consumidora.
-Falando do seu concerto na xornada inaugural do SonRías Baixas, que poderemos agardar?
-Obviamente sempre facemos o setlist pensando na xente. Sendo un festival, sempre o facemos un pouco máis dinámico, un pouco máis adaptado ao que é un concerto ao aire libre e de festa. Vai ser, espero, moi divertido, que é o que precisamos. O poder da diversión é brutal, é un poder que non temos moi presente, pero nunca pasa máis rápido o tempo que cando nos estamos a divertir. É algo que intentaremos dar á xente porque tamén é o que nós mesmos precisamos. Somos xente tamén, pasamos este proceso tan duro e temos esa necesidade de retroalimentación. Eu, que son moi humana, preciso cousas básicas, tocarse, falar... porque son un ser moi social. Non so necesito sentir iso dende abaixo, senón tamén dándolle un pouco aos demais.
-A unha persoa tan vitalista como vostede, estes meses de pandemia servíronlle para compoñer ou facer novos temas?
-Si, claro que me serviu. Serviume para algo que é básico para escribir e é que si non vives, non podes escribir. Podes escribir cancións que non digan nada, pero non son arte, son entertainment, que é moi respectable, que non se me malinterprete. De feito, eu tamén teño cancións que só buscan entreter. Pero cando pasas un proceso realmente drástico a nivel global, isto é algo que engade un punto diferencial. Todos podemos pasar unha etapa mala, pero é individual. Neste caso vivimos, e esperemos que sexamos unha das últimas xeracións en moito tempo en facelo, unha pandemia a nivel global, a nivel planetario. Todo iso leva consigo unha serie de reflexións e unha serie de aprendizaxes que creo que son valiosísimos para a composición. Servíronme moito, sobre todo, para coñecerme a min mesma e para verme reaccionar ante determinadas situacións que nunca pensei vivir. Como non vas a ter temas novos dos que falar? Eu so me caracterizo por unha cousa, non teño nada máis, e é que intento dicir a verdade, sobre todo, nas cancións. A verdade que podo contar deste proceso é algo que nunca puiden contar. A reflexión é obrigada.