A comunidade educativo do IES Illa de Tambo de Bueu involucrouse neste musical
15 jun 2024 . Actualizado a las 20:49 h.O auditorio do Pazo da Cultura acolle este domingo unha función moi especial, a estrea en Pontevedra da nova versión do musical Os miserábeis, a cargo do IES Illa de Tambo de Bueu. «É un proxecto interdisciplinar» no que «participan todos os departamentos do centro educativo. Normalmente un proxecto dentro dun centro adoita acoutarse a poucas materias ou a un grupo restrinxido. No noso centro participan máis de setenta alumnos de entre 12 e 16 anos, en total somos máis de cen persoas no elenco porque ademais de alumnado participa profesorado, persoal non docente do centro e tamén membros da comunidade educativa, membros dalgunhas familias do alumnado», destacaron as profesoras responsables do proxecto, Diana Vilas e Teresa García.
As docentes enfatizaron o feito de que «é un proxecto creado en horario lectivo, nun centro público e aínda que na recta final todo o elenco queda polas tardes, se fixeron acordos no centro para crear un espazo de horario para traballar de forman interdiscipliar e por proxectos, cunha metodoloxía cooperativa, integrando innovación educativa, traballamos profesorado e alumnado entre iguais».
Neste punto, aludiron que a primeira versión de Os miserábeis data do 2019 representándose en Cangas e Bueu, aínda que a chegada da pandemia truncou que se fixeran máis sesións. En todo caso, a experiencia quedou e foi o xerme desta nova edición. «Trasládase a historia orixinal a un entorno máis galego aproveitando as mensaxes universais de loita pola liberdade, as revolucións, a miseria... levalo ao que sería o contexto da Galiza de finais do século XIX», engadiron as profesoras.
Diana Vilas e Teresa García precisaron que «traballamos coa recreación de algúns cadros, entre os que se atopan pezas galegas, como a recreación de fotografías de Ruth Matilda Anderson ou A derradeira lección do mestre de Castelao». Así, os alumnos non só traballaron para a posta en escena, senón que se abordaron distintos proxectos, dende o tinguido da roupa con tintes ecolóxicos ata a cuestión dos refuxiados na actualidade «para establecer conexións cos miserábeis desta época».
Posta en escena
De igual xeito, os rapaces que fan de revolucionarios elaboraron os discursos «poñéndose en situación dos distintos grupos sociais que hai. Fanse dende a óptica feminista ou a burguesía... E unha das cousas máis orixinais da posta en escena é que toda a escenografía está formada por cadeiras e mesas do instituto», apuntaron antes de precisar que se engadiron novas escenas «inspirados en escenarios reais do musical».
Ademais, introduciuse, a modo de licenza poética, a figura dunha mestra que «ten bastante peso como soporte ideolóxico dos ideais revolucionarios. Sobre a perspectiva feminista, fixemos certas modificacións para darlle especial visibilidade ou relevancia ás personaxes femininas que na obra orixinal eran máis secundarias». E de feito, segundo desvelaron, «o líder revolucionario é unha rapaza».
Na presentación de Os miserábeis, que arrancará ás 18.30 horas, o concelleiro Demetrio Gómez destacou a «importancia de traballar con este tipo de proxectos: unha porque entendemos que a cultura é a participación de toda a sociedade, outra porque cremos que hai que colaborar con ensino público para que poida desenvolver toda a súa potencialidade. En terceiro lugar, pensamos que o traballo con este tipo de proxectos, só funciona realmente se poden dar a coñecer, se os alumnos poden ensinar o seu traballo».