Picando pedra con 64 anos: «Mataríame traballar nunha oficina»

Bibiana Villaverde
Bibiana Villaverde VIGO / LA VOZ

CAMPO LAMEIRO

SERGIO SUEIRO

Leva catro décadas de canteira, restaurou o Pórtico da Gloria e segue a pé de obra rehabilitando construcións; «comigo que non conten para xubilarme aos 72»

29 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«As rochas máis duras son as máis doadas de quebrar, pero non de moldear». Como se dunha metáfora se tratase, Laura Rodríguez Miranda (Campo Lameiro, 1959) divulga os segredos dun oficio que practica dende hai corenta anos. As súas mans traballaron con Acisclo Manzano, con quen compartiu taller esta mestra do cicel que tamén colaborou co escultor Xaime Quessada, pero do único que presume Rodríguez é de espolear aos rapaces novos nas obras. «Cando me miran a min, maior, e ven que me movo, dálles un pouco de tal e espabilan».

Hai máis mulleres con destreza na escultura, pero non coa súa experiencia na canteiría. «A pedra ten que engancharte, ten que gustarche o que fas. Si que é duro fisicamente, e tes que ter certa capacidade, pero a min faríaseme difícil traballar nunha oficina cubrindo papeis, iso mataríame». Aprendeu na escola de canteiros de Pontevedra, onde chegou para acompañar á súa parella. A súa destreza fixo que quedase como estudante con beca. Alí aprendeu a ver o mundo en tres dimensións. «Teño unha deformación, vexo todo volumetricamente, para min é máis doado tallar unha pedra que facer un debuxo».

Igual que facían os canteiros de antes, esta profesional marca as súas obras. Unha cruz agochada que exerce de sinatura e que reivindica o orgullo dun colectivo que construíu o país coa única axuda de ferramentas que caben nunha man. Con 64 anos, segue a subir pedras na torre irmandiña que rehabilita no concello ourensán de Toén. Pode presumir de figurar na documentación da restauración do Pórtico da Gloria, onde traballou como mestra canteira; loce obra e esculturas en Panamá, México, Venezuela, Arxentina, Francia ou Bélxica e en boa parte de Galicia. A día de hoxe fai equipo na empresa Murua cun exalumno, David Soengas.

A súa pegada, na catedral

O oficio de canteiro é tan vello como os petróglifos. Xeración tras xeración, estes profesionais trasladaron un saber que segue a ser artesán e que require de moita minuciosidade, a pesar de manexar materiais de grande tonelaxe. «Para non ter sustos hai que levar roupa e calzado axeitados». A traxectoria de Rodríguez Miranda permitiulle traballar na catedral de Compostela, nunha das restauracións máis senlleiras de Galicia, a da fachada do Pórtico da Gloria, financiada pola Fundación Barrié. «Traballei na cúpula, na plementería —unión entre os arcos dunha bóveda de crucería—. Ao principio os restauradores querían traballar con bisturís, pero eu demostreilles que son canteira e que sabía facer o traballo». O seu labor tamén consistiu na reconstrución da pedra nos rosetóns do Mestre Mateo e nos capiteis e o ciborio. «As pezas da catedral levan a miña marca agochada. Agora non gusta, pero eu dixen que marcaba escondido como tamén facían os meus antepasados canteiros». O seu avó e bisavó dedicáronse á pedra.

Saga de canteiros. Neta e bisneta de mestres da pedra, ten antepasados de Cuntis que levantaron as catedrais de Santiago e Ourense.
Saga de canteiros. Neta e bisneta de mestres da pedra, ten antepasados de Cuntis que levantaron as catedrais de Santiago e Ourense.

A súa determinación é comparable aos minerais que domina e que coñece coma poucos. Identifica e describe cada rocha, sabe por onde ten que entrarlle ás pezas para lograr moldealas ao seu antollo. Non hai exemplar imposible que non ceda ante a súa destreza, so con mirar un bloque atina onde están as vetas por onde hai que introducir o cicel. «As pedras teñen vetas, igual que a madeira, pero na pedra fórmanse orientadas aos polos magnéticos da Terra e cambia se é no norte ou no sur».

A outra das súas paixóns, xunto cos netos, é a cerámica, labor no que enreda no taller da súa casa do Carballiño, onde deseñou o molde da pulpeira que loce no municipio. «Teño pezas pequenas en cerámica e todos os anos me encargan un montón». Esta habilidade converteuna nunha profesional moi cobizada polas empresas e respectada polos compañeiros. «Nunca tiven problemas, nalgúns sitios, incluso gañaba máis porque sabía facer talla. Onde si tiven incidentes foi nas mutuas que lles custa entender que eu traballo a pé de obra».

Visitas periódicas ao fisioterapeuta combaten a dureza dun oficio no que hai que adaptarse ao terreo e ás inclemencias meteorolóxicas. «Nunca collín un catarro por estar ao frío ou ao vento. Os catarros veñen cando vou a unha casa coa calefacción a tope», ironiza, afeita á loita contra os elementos. A contundencia do paso do tempo vai restando pericia e forzas. «Penso que me poderei xubilar aos 66 anos, teño que botar ben as contas, pero de momento teño forzas». Mentres algúns enredan o debate sobre a idade de xubilación e propoñen seguir traballando ata os 72 anos, Rodríguez Miranda teno claro: «Comigo que non conten, que me poño en folga».

A súa canción

«It's a man's man's man's world», de James Brown. «Sempre me gustou James Brown, supoño que porque o vexo forte e recio coma min. Gústame moito esta canción, dende sempre. Traballando na obra, cando non temos ruído de maquinaria, poño música no meu teléfono móbil».