Héitor Picallo, amigo do concelleiro socialista falecido en Cuntis, fai unha sentida lembranza del a través dos espazos que compartiron
22 sep 2023 . Actualizado a las 10:12 h.Termar da túa man, sentir a vida... Darnos a aperta e entregar un até logo. Así foi ese instante cabo do hospitaliño de pobres, na praza das árbores, custodios dos segredos do que outrora foi a horta das señoritas. Os tileiros non relaxan ese lapso que non foi erro senón acerto. E quizais as súas sombras estimulan o fresco recordo dunha amizade que se fixo eterna. A praza custodia o abur que nunca quixo ser despedida, ese mirar nos ollos (con transparencia) que certifica o aprecio mutuo e a camaradaxe dende a república dos afectos. Saúde e República, irmán! «E nunha fermosa praza liberada, detereime a chorar polos ausentes» (ouvimos Pablo Milanés).
Ti que viviches na mesma rúa na que naceu outro Roberto, daquela chamada Lanuza, e coma el buscaches un mundo distinto, dende a utopía, o consenso, a valentía... coa igualdade por bandeira, e a fraternidade entre os diversos, e a liberdade na palabra e no credo. E vaia se revolucionamos a vila do Baño con tantas ideas, nun Fervedoiro que tamén foi teu e de todas e todos, nunha agrupación que se quixo erguer como fogar, ágora e foro! «Ningún canón borrará o suco do teu arrozal, o dereito de vivir en paz» (soa Víctor Jara).
Pásoche a man polo lombo e chegamos ao campo da feira. Óuvese o bater do balón, o zunido do asubío nun partido onde non hai fóra de xogo e todo son triunfos. Seica queres volver xogar coa xente de sempre, non fai falta dicir quen son, levan a mesma camiseta ca ti. E por certo, non te rías do nome que puxestes nela, aínda que gustedes de camuflalo coa voz de Bonnie Tyler (onde se foron todos os homes bos? E onde están todos os deuses?). Coido que talvez os Gremlins quererán facer un torneo na túa honra e co teu nome! Si, a ti... ou non lembras que fuches adestrador dese clube de baloncesto!? Veña, non sexas tan humilde, que ben te mereces o aplauso e a ovación! Prométocho, os do Mar de Pereira, a rúa do Cruceiro, a Presiña e Furcodona tamén iremos! Estará cheo, non collerá máis ninguén. E todo será festa e apertas!
Cruzamos a circunvalación don Aurelio, malia estar ciscadas aínda as agullas do acupuntor entre a liña continua e os puntos suspensivos... Oxalá, dende algures, saibas tamén aliviar a dor que dende anos sofre un concello que se amosa feble e foi forte! E visitamos o noso colexio, que tamén leva o nome daquela estrada que na memoria dos vencidos se chamada Ho Chi Minh. Entramos nas aulas, vemos os teus debuxos alí pendurados e bulimos todas e todos escaleiras abaixo cara ao patio. E corremos en círculos e espirais, nun remuíño de infancias no que hoxe tamén xogan os teus fillos. O teu colexio, o seu colexio. As túas rúas, as súas tamén. E nos ollos deles -Valeira e Mario- veremos a túa ledicia mentres reflexan os versos de Rosalía: «Só a lembranza de onde veño, me axudará a saber cara a onde vou».
Beizóns, irmán!!
Bicos de parte da túa madriña Fina, de Xose, Ana, Manolo e da nosa Eva!... No noso xardín das conversas quedouche pagado un café!