O rapaz que trunfa falando da escola de antes: «Eras unha frangulla de pan»
CUNTIS
Rubén Buezas Domínguez, alumno do CPI Don Aurelio de Cuntis, gaña o Tíralle da lingua cunha contada sobre a educación pasada
19 dic 2024 . Actualizado a las 08:58 h.O colexio público integrado (CPI) Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, máis coñecido como Don Aurelio, repite éxito no concurso de relato oral Tíralle da lingua. Trátase dunha iniciativa que promove a Asociación Socio-Pedagóxica de Galicia a prol da lingua. Esta vez quen trunfou no certame é Rubén Buezas Domínguez, un rapaz de 14 anos que estuda 3.º da ESO. Fíxoo coa súa contada titulada Cando sobrevivir era aprender, inspirada no que lle contaron seus pais e avós. O premio por gañar o Tíralle da lingua na categoría de 1.º a 3.º da ESO foi de 250 euros para el e outros 250 euros para o colexio.
Rubén debulla como armou a súa contada de tres minutos e cinco segundos. Gravouna na súa casa cunha ventá e a pedra de fondo. «Graveino bastante rápido porque ese día quedara cuns amigos», conta, pero tivo que facer varias tomas porque esquecía algunha parte do texto. Ao escoitalo e velo intúese que o teatro que fai desde que tiña 7 anos foi unha axuda. Mira á cámara do móbil con desenvoltura e recorda como era a escola de antes.
Presentouse ao concurso Tíralle da lingua como unha tarefa optativa para gañar puntuación na materia de Lingua Galega. «Son bastante galegofalante. Ademais teño unha bisavoa de 101 anos que non entende outra cousa que o galego», explica Rubén. A temática da súa contada está relacionada co tema que elixiu o centro para celebrar os seus 25 anos. «Preguntei aos meus pais e aos meus avós. O que máis me chamou a atención da escola de antes eran as formas de castigo, como a de mandar ao alumno a un cuarto escuro por non saber o credo», di. A historia arranca así: «Algunha vez te preguntaches por que cando eras pequeno os teus pais te tiraban das orellas?». Cando sobrevivir era aprender consta de catro probas que enumera Rubén, como se foran as da película Saw. A primeira era saír ao encerado sen que a un lle tremeran as pernas. Daquela, «na época dos dinosaurios», non había encerados dixitais e se escribía con xiz. Era complicado facelo sen que partira, aínda que se o facía ir por máis xiz significaba perder uns minutos de clase.
A segunda proba era non apuntar ben as tarefas «na época das catacumbas». Tampouco había móbil nin grupos de WhatsApp para poder falar cos compañeiros Quedaban os sinais de fume ou o telegrama. «Igual cando te contestaban xa estabas graduado, cunha carreira, con muller e con cinco fillos». A terceira, segundo Rubén, non levarlle nunca a contraria ao profesor. «Iso era peor que unha ditadura, a lei máxima era a palabra do profesor e ti só eras unha frangulla de pan. Se incumprías a lei, hostia que levabas». Di Rubén que o peor viña cando o contaban na casa e os pais dos teus pais dicían: «Puido darche máis forte, así espabilabas».
A cuarta e última proba son as faltas de ortografía, peor que un exame un venres a última hora, ironiza Rubén. «Se tiñas unha falta de ortografía antes de que te dixeran nada xa te botabas a chorar. Sabías que o te tocaba, copialo cincocentos millóns de veces». O alumno del CPI Don Aurelio remata cunha anécdota que lle contou seu pai, dunha vez que chegou á casa cunha unlla da profesora marcada na cara: «A miña avoa colleu o fouciño e marchou cara a escola. Plantouse diante da mestra e púxose o fouciño no pescozo».
Rubén, que vai aforrar o premio, aínda non ten claro que modalidade de bacharelato vai escoller. «O do teatro no ten moita saída, pero teño un ano para pensalo». Estar cos amigos, ir ao ximnasio ou xogar coa consola son as súas afeccións. Confesa que quizais está demasiado tempo co móbil e que seus pais rifan con el: «Pola semana paso menos tempo, a fin de semana máis».