Organizado pola Asociación Cultural Almuinha, este venres (20 horas), a escritora Lara Dopazo presentará o seu novo libro, Contos gringos, no Museo Manuel Torres de Marín.
Dende este colectivo destacaron que Dopazo, nada en Marín, «é unha autora consolidada no panorama literario galego, cunha traxectoria que abarca tanto a poesía como a narrativa. Licenciada en Xornalismo e cunha ampla experiencia no ámbito cultural, Dopazo é recoñecida pola súa capacidade para explorar temas universais a través dunha escrita potente, intimista e cargada de simbolismo».
Precisaron que Contos gringos «é unha colección de relatos breves que transitan entre o real e o fantástico, explorando temas como a soidade, a memoria, as relacións humanas e a busca de sentido nun mundo cambiante. Cun estilo directo e evocador, as historias mesturan ambientes cotiáns con elementos máxicos, abrindo espazos para a reflexión e a emoción».