De sofá de película a «probador» de éxito na librería Trama

POIO

OSCAR CELA

Clientes e amigos convertiron en obxecto de «selfies» un sillón de «O ano da carracha»

05 feb 2015 . Actualizado a las 17:06 h.

Nun tempo no que as auto fotos, coñecidas agora como selfies, están tan de moda, a librería Trama de Lugo colleita nas redes sociais un éxito co que non contaba. O causante é un sofá de película transformado en «probador» de libros que en cuestión de poucas semanas se ten convertido en obxecto de culto para clientes e amigos do establecemento que dirixen Carlos Coira e as súas socias, Rosa e Begoña. «A idea veu por unha peli de meu irmán, O ano da carracha. O sillón aparece no cartel e ocorréusenos traelo á librería porque a xente levaba tempo dicíndonos: ?Aquí o único que falta é un sitio onde sentarse cómodo?», explica Carlos, que é irmán do director lucense Jorge Coira. O sillón, un LC3 de praza e media deseñado por Le Corbusier, e con coxíns e tapizado en cor granate, protagoniza cantidade de imaxes colgadas en redes como Facebook polos que acoden a Trama; un establecemento co que soña calquera lector e que abriu hai case 18 anos nunha das galerías da Avenida da Coruña. Coira relata como algunha xente «empezou a poñer a foto» lendo un libro no sofá, e partir de aí o fenómeno non deixou de medrar.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Varias presentacións

 

O calendario de actividades lúdicas e literarias de Trama intensifícase estes días. Deste xeito, mañá venres presentará o libro de poesía Astillas, de Miguel Ángel Curiel, ás 19 horas. E o vindeiro martes, 10 de febreiro, daráse a coñecer Galicia encantada. O país das mil e unha fantasías, editado por Antonio Reigosa. Ademais do autor, no acto participarán Noemí López e Manuel Bragado, que manterán un faladoiro con outros convidados.