Luciano Sobral cede o relevo a Marga Caldas en Poio: «O Concello e o BNG quedan en boas mans»

Alfredo López Penide
López Penide POIO / LA VOZ

POIO

CAPOTILLO

O nacionalista rematará todo o mandato, un compromiso que o alcalde de Poio adquiriu nas pasadas eleccións municipais

06 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Tal e como prometeu nas últimas municipais, Luciano Sobral dará un paso a un lado nos comicios do 2023 e cederalle o relevo á concelleira Marga Caldas. Atrás quedarán vinte e oito anos ao fronte da alcaldía de Poio, á que chegou no 1995, que o converteron no rexedor nacionalista máis lonxevo de Galicia: «É un momento para min de emoción, pero despois de corenta e algo de anos na corporación dende 1979 ata hoxe (...) é o mellor momento para o relevo», recoñeceu onte na presentación da candidatura do BNG de cara as vindeiras eleccións.

Sobral mostrouse convencido de que Marga Caldas, de quen destacou que «é unha persoa preparada e comprometida», será «a primeira alcaldesa da historia de Poio». Sostivo que se abre un tempo novo, pero sen esquecer o pasado: «Non podo estar máis emocionado ao saber que o BNG e o Concello quedan en boas mans (...). A partir de xa podo descansar, podo durmir ben, que eu sempre puiden durmir ben», engadiu deixando claro que permanecerá ao fronte da alcaldía ata que se celebren as municipais de maio.

CAPOTILLO

Pola súa banda, as primeiras palabras de Marga Caldas como candidata do BNG á alcaldía de Poio, como non podía ser doutra maneira, foron de agradecemento a Luciano Sobral e ao resto de compañeiros do Bloque. «Ábrese un tempo novo. Collemos todo o bo. Vimos de facer moitos proxectos bos en Poio, iso aválanos», remarcou recoñecendo que recollerá o legado de Luciano Sobral e, ao tempo, impulsará un proxecto de futuro para o municipio.

Anunciou que nos vindeiros días produciranse unha serie de cambios no grupo municipal co obxectivo de compatibilizar o seu traballo no Concello coa responsabilidade de ser cabeza de lista, así como revelou que hai cinco persoas redactando xa o programa electoral. «Vai ser un programa ambicioso, non só pensado a corto prazo, senón a longo. Levo trece anos ao fronte dunha concellería como é o Deporte e o deporte vai a ser un eixo fundamental dos proxectos que temos para poio. Non nos esqueceremos tampouco de pensar nas infraestruturas estratéxicas (...). Entendemos a política coma unha ferramenta para cambiar e transformar o entorno onde vivimos», apuntou comprometéndose a escoitar a todos os veciños.