Miguel Sande presenta «O negociador» en Cronopios de Pontevedra

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Miguel Sande, escritor e xornalista
Miguel Sande, escritor e xornalista wt

A novela foi finalista do Premio Xerais

18 oct 2022 . Actualizado a las 12:57 h.

O escritor e xornalista, Miguel Sande presenta este mércores (19 horas) na Libraría Cronopios de Pontevedra a novela O negociador coa que foi finalista do Premio Xerais. Estará acompañado polo tamén escritor e crítico literario Manrique Fernández.

O negociador ten como orixe un feito histórico, o secuestro máis longo cometido por ETA de 532 días. Deste xeito, Miguel Sande explica que «a novela parte dese suceso pero non é unha novela sobre o secuestro, é unha novela sobre a vida; mellor dito, sobre as vidas das persoas relacionadas dunha maneira ou doutra con aquel feito e da súa evolución ata hoxe».

En todo caso, a obra conta co testemuño do negociador, un profesional que participou naquela negociación en Alxer pola liberación, cuxas lembranzas e sensacións de entón seguen vivas nel hoxe en día. «A novela xoga coas sensacións e coas distintas perspectivas», engade o autor.

Mentres que Manrique Fernández destaca o xogo entre o real e a ficción concluíndo que é «unha das novelas do ano», Ramón Nicolás incide nesa procura poliédrica, na busca das distintas perspectivas e César L. Gil apunta «a súa orixinalidade» á hora de vertebrar catro historias con personaxes diferentes, iso si, todos relacionados con aquel suceso.