Oitenta marcas de produtos gourmet mostran as súas propostas no recinto feiral de Pontevedra
13 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Un total de oitenta marcas e produtores, dos que unha vintena é a primeira vez que participan desta iniciativa, conforman a oferta da sexta edición de Etiqueta Negra, a feira que transforma durante estes días e ata o luns a Pontevedra na capital galega do gourmet.
Entre estas diversificadas propostas que se poden atopar —e degustar— hai dende larpeiradas ata toda clase de bebidas espirituosas, pero tamén conservas, viños, queixos, tés... e un longo etcétera. Pero tamén iniciativas como a que leva a cabo o CIFP Carlos Oroza para «poñer a proba os sentidos da xente» cunhas interaccións nas que se poñen a proba a vista, o oído, o gusto... ao tempo que poñen o acento no feito de que este centro ofrece unha educación universal.
Neste sentido, Clara Fonseca, estudante do ciclo superior de Guías e Información, recoñece que son moitos os que se sorprenden coa proba a cegas con, por exemplo, as herbas aromáticas: «Algunhas que son moi coñecidas, como o orégano ou tomiño, non as recoñecen, ou como camelia, que moita xente ten a idea de que non ten aromas ou non da sabores, e si ten. Pódense facer moitos produtos con ela. Pero tamén os estamos a sorprender ao saudarlles coa lingua de signos».
A escasa distancia, unha das ofertas que más chamou a atención, a de Doziños de Padrón, «uns caramelos de pementos de Padrón, que uns pican e outros non», remarcou Noa Vázquez. Elaborados con «pementón real de pemento de Herbón, que pode ser doce ou picante», polo que o azar é o que determinará un produto que xurdiu da idea de «ter algo típico de Padrón, de onde somos, pero que non caducase, como pasa coa colleita. Desafortunadamente non podemos ter esta delicia todo o ano». En todo caso, deixa claro que «non é un picante desagradable como pode chegar a ser un pemento, que o tes que botar».
Pero Etiqueta Negra é tamén o espazo para dar a coñecer novas propostas dentro dunha gama de produtos xa consolidade. É o caso de Casa da Avoa e a súa crema de chourizo con queixo ou o de Tetereta co seu pack Morriña con «tes con alma galega. Son galega e as creacións son miñas», explica Laura Rodríguez aludindo aos catro sabores que se poden degustar: «O té Riquiño recorda ao licor café e é con café, grans de cacao, con cacao, un pouco de hibisco e té negro; logo temos a Camelia Saborosa, que é unha homenaxe a flor galega por excelencia; a Saia da Carolina é como un paseo polo monte galego; e, xa por último, a Carón da Cacharela, a unión entre unha viaxe pola antiga ruta da seda e a noite de San Xoán».
Bebidas alcohólicas
De igual modo, nesta feira gourmet tamén teñen cabida a bebidas alcohólicas, dende as cervexas, como Meiga, ou os destilados, caso de Pridem’s, ata os viños coa presenza de adegas como Pateira ou Gil Armada. Pero tamén licores, como son os da marca Barbudos, e outras bebidas que van facéndose, pouco a pouco, un oco. Un dos casos más paradigmáticos ven da man do Hidromel Fenrir Galicia, que chega a Etiqueta Negra coa súa nova aposta Luna de Verano, que é de produción limitada.
«Tratase dun hidromel estilo melomel que leva auga, mel de eucalipto, zume de limón e levadura. Prima un aroma moi suaviño e fresco do eucalipto e o cítrico moi intenso do limón, sen chegar a secar o paladar», destaca Irene Outeda sinalando que empregou os limóns da súa avoa.
Mais, Etiqueta Nega e moito máis que un conxunto de stands dando a coñecer a súas propostas gastronómicas, é un espazo onde se alternan showcookings, obradoiros ou catas de distinta índole. «Está feira está nunha liña moi correcta de promover a innovación, a calidade e tamén a proximidade», en palabras do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. «Longa vida a Etiqueta Negra!».