Reizentolo, de vender en festivais a revolucionar o deseño téxtil
PONTEVEDRA CIUDAD
A firma pontevedresa conmemora este 2023 o seu vinte aniversario, período no que sacou ao mercado máis dun milleiro de deseños, algúns deles xa impregnados no imaxinario colectivo
13 jul 2023 . Actualizado a las 11:37 h.Ao rematar a carreira de Belas Artes, Pablo Zentolo Rodríguez e José Miranda trataron de por en marcha «o que hoxe sería un coworking. Ter un espazo no que poder traballar unha vez quedamos orfos da facultade e onde puidera traballar moitísima xente que estudara con nós». Coa idea de sufragar este proxecto e tendo en conta que Pablo Rodríguez xa fixera camisetas durante a carreira ao cursar serigrafía, en torno ao 2002, decidiron comercializar os seus primeiros deseños. Foi un fracaso que para nada anticiparía o que sería a última, que non derradeira, gran revolución do deseño téxtil en Galicia.
«Agora velo con moita nostalxia, moito romanticismo, pero non vendíamos nin a primeira. Conseguimos unha licenza para vender no casco vello de Santiago e, xusto na fonte de Platerías, estivemos unha semana e nese tempo vendimos unha soa camiseta a un erasmus escocés», refire Pablo Rodríguez. Levaba estampado un dos deseños xa icónicos de Reizentolo, o dos pementos de Padrón. Trátase dun clásico onde optaron por escribir mal o lema «ones are spicy anothers don't» para reflectir iso de que «unos pican e outros non, que é un castrapo de manual».
«As primeiras intentonas todas que fixemos foron desastrosas. En Santiago ninguén quería camisetas en galego, cando íamos a ofrecelas por aí non nos facían caso...», engade antes de precisar que o xiro de 180 grados veu da man dos festivais musicais: «O salto foi cando atopamos o noso público. Pola época que comezamos tamén comezaban moitos festivais. Xa estaba o de Ortigueira, que é un sitio de iniciación para toda a mocidade galega, pero empezaban a saír o SonRías, Revenidas, Cultura Quente... Estaban agromando mogollón de festivais onde íamos co noso produto e á xente gustáballe. Escacharraba a rir e empezou a fama de Reizentolo», resalta Pablo Rodríguez.
Mais daquela, a marca como tal non existía. De feito, nun primeiro momento, a súa idea era non ter un logo ou un nome de marca identificativa de todos os seus deseños, que en estas dúas década superan o milleiro, e que cada un deles «se valera por si mesmo. Se che gusta, ben, e se non, pois non o compres», matiza Pablo Rodríguez, ao tempo que precisa que foi a xente quen foi demandando a marca, «pedíannos un nome, unha marca e, no 2003, naceu Reizentolo».
A denominación fai alusión aos tempos de estudantes na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, no que facían «o xogo de palabras de zen-tolo, da reflexión e da tolemia, que é moi artística. O meu socio, que era de Burela, dicía ímoslle poñer Rei Cintolo como a cova de Mondoñedo. Cando dimos a saltos eramos tres. Eramos José [Prieto], Salva [Vázquez] e máis eu, e mantivemos a coña de que cada un de nós tiña uns atributos. Estaba o rei, estaba o zen e estaba o tolo». Neste reparto, Pablo Rodríguez confesa que, «antes era o zen, agora xa non o teño claro. Volvemos a ser tres socios despois de cambios e sucesivas crises. Somos, de novo, tres socios e estamos aínda asignando roles», ironiza.
Deste xeito, o pontevedrés uniu esforzos con Eduardo Tejerina e Isaac González, responsables de Recados Carmen, unha axencia de publicidade de Pontevedra e Vigo, para dirixir Reizentolo, que conta cunhas vinte e cinco persoas.
Uns referentes
Botando a vista vinte anos atrás, Rodríguez recoñece que «nin daquela, nin agora» imaxinaron que puidesen a chegar a ser unha revolución no deseño téxtil. «Dende sempre levei o tema do deseño e levaba unha dinámica do día a día que non te permitía ver un pouco máis alá do camiño. Din os empresarios que, se unha empresa é unha árbore e ti estas debaixo podando, non chegas a saber realmente a súa magnitude. Tes que alonxarte para ver como é esa árbore, que é algo que si ve a xente dende fora. Co exercicio que estamos a facer, sobre todo co libro Antes molabamos máis, de mirar cara atrás e ver todo o camiño que se fixo estou collendo a dimensión. Ves que chegamos nun momento que a xente demandaba este tipo de produto e fomos os primeiros. Quero pensar que o fixemos ben para manternos, que, ao final, é o máis complicado. Non somos revolucionarios, porque non inventamos nada, pero si creo que somos uns referentes (...) para outra xente marabillosa que ven facendo cousas incribles e mesturando cousas sen prexuízo».
E falando de referentes, cando se lle pregunta polos deseños que elixiría destes vinte anos e tras incidir en que «nós facemos paridas porque as parimos», ten claro que «cada deseño é un fillo e cada un colle o camiño que colle». En todo caso, escollería os dos pementos de Padrón, «porque foi o primeiro dos que fixemos que colleu popularidade e nos abriu un pouquiño o camiño», e o de Rosalía de Castro. Coa popularmente coñecida como a Rosalía feminista, Pablo Rodríguez resalta que «conseguimos xerar unha icona que xa é un referente a nivel popular. Coa repercusión que acadou durante todos estes anos conseguimos substituír no imaxinario colectivo a Rosalía do billete de 500 pesetas ou o da foto en branco e negro pola Rosalía en cores, maquillada, máis popera, pasada polo filtro Warhol, pero acadamos empoderala como muller. Rosalía é unha figura enorme e tivemos a sorte de dar con esa clave. E agora cando vas polas escolas e todos os rapaces, cando teñen que facer un debuxo da poetisa, van directamente a ese referente e tes reproducida en milleiros de formatos e formas a Rosalía de Reizentolo. Iso é un orgullo», conclúe Pablo Rodríguez convencido de que vestir Reizentolo «é unha forma de presumir de orixe e de ser galego cando vas por fora».