Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«O problema de Sanxenxo non se soluciona parcheando»

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

O apagón do día 1 provocou o malestar de veciños e Concello que esixen melloras inmediatas no servizo

10 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A reacción do Concello de Sanxenxo ao apagón foi dobre: xestións e queixas ante a Xunta e a empresa e habilitación dunha oficina de atención aos veciños para reclamacións. David Otero é o concelleiro encargado de dirixila.

-¿Por que se decidiron a crear esta oficina?

-Trátase de que os veciños dispoñan dunha oficina onde se lles asista e se les informe despois da circunstancia tan excepcional do día 1. É importante que se lles atenda e se lles asesore sobre como tramitar queixas ou reclamacións.

-¿Que é o que se lle explica ao usuario neste departamento?

-Recibirá unha atención máis específica, referida a que ao veciño que chame ou veña polo Concello se lle poderá orientar e responder preguntas concretas. Tamén está o Instituto Galego de Consumo, con sede en Pontevedra, e o propio cidadán pode presentar a súa reclamación neste organismo, ou directamente ante a empresa. Con esta oficina anticipámonos para que todas as persoas que queiran eviten ir a Pontevedra. Ademais puxemos á disposición dos afectados a folla de reclamacións na web do Concello para que a poidan descargar e non ter que desprazarse para buscala. Tamén se lles da o teléfono da empresa [900 111 999] e o seu correo electrónico [csdistribucionelectricidad@gasnatural.com] por se queren dirixirse a ela.

-¿Como son as reclamacións que recolleron esta semana?

-Trátase de cousas previsibles como conxelados, víveres, o que hai nos fogares por estas datas, as reclamacións van referidos a eses produtos que se poden alterar se non están conxelados. Logo hai cuestións de aparatos eléctricos. O venres houbo unha reunión en Pontevedra sobre o apagón coa Xunta e a empresa e se lles deixou claro que esta circunstancia é excepcional [o apagón do 1 de xaneiro], pero tamén que a calidade do servizo eléctrico en Sanxenxo non é a adecuada. Este tema púxose de manifesto na reunión coa Xunta e a empresa.

-¿Ata cando funcionará a oficina?

-O servizo vai estar aberto bastante tempo, ata o 2 de febreiro. Esta semana colleu á xente en parte coas festas de Nadal. Foron doce as reclamacións que xa foron remitidas.

-¿Cal é a postura do goberno local sobre o problema do subministro eléctrico en Sanxenxo?

-O problema de Sanxenxo non se pode solucionar parcheando, iso non é a fórmula. Ademáis o que pasou non é unha cuestión dun so día, o que ocurriu en Ano Novo foi una circunstancia extrema e é excepcional polo prolongado do apagón, case doce horas,pero realmente nos advertimos que a calidade so subministro en Sanxenxo é claramente deficiente. Nós temos unha industria dependente do sector hostaleiro e non podemos estar a expensas da alteración do servizo. Esta claro que a subestación de Vilalonga non é moderna para a demanda que hai. Non queremos que se consolide aí, hai unha subestación nova en Nantes, que vai ter carácter complementario e o que temos que tender é a que desapareza a subestación de Vilalonga e dimensionar todo no polígono de Nantes.

david otero concelleiro de facenda